O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, clausurou en Santiago de Compostela o Encontro de directivos “100 consellos para o 2015”
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia de potenciar o emprendemento, a innovación e a capacitación dos traballadores galegos para a recuperación económica do nosa Comunidade Autónoma.
Rueda clausurou hoxe o Encontro de directivos “100 consellos para o 2015”, que tivo lugar en Santiago, onde destacou que no actual contexto económico é necesario ambición, ideas e innovación, resaltando a importancia do liderado e do emprendemento na economía galega.
O número dous da Xunta incidiu tamén en que o Goberno galego está traballando para lograr un maior equilibrio de xénero entre os traballadores, e así na nova Lei de Emprendemento tense moi en consideración as particularidades que, na nosa sociedade, aínda ten o emprendemento feminino.
Por iso, este ano a Xunta pretende desenvolver esta lei cun decreto específico sobre apoio ao emprendemento feminino, apoiada tamén coas políticas de conciliación postas en marcha polo Executivo galego, como o importante aumento de prazas nas escolas infantís, que axudan a compatibilizar as cargas familiares e laborais; e as políticas de corresponsabilidade, que buscan desterrar o tópico de que son as mulleres as únicas destinatarias e responsables desa compatibilidade.
Na mesma liña, destacou o labor dos empresarios galegos como axentes dinamizadores da nosa economía e os animou a seguir participando na recuperación económica de Galicia, mediante o esforzo persoal, a motivación pola eficiencia e a eficacia do traballo, e contando sempre co apoio das Administracións.
O Encontro “100 consellos para o 2015” aglutinou a directivos e empresarios galegos coa finalidade de maximizar o valor humano das empresas, estivo inaugurado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e contou coa participación de dez poñentes que expuxeron cada un dez consellos prácticos sobre temas de actualidade.