A reciclaxe deste residuo supón un paso máis no proxecto de reciclaxe municipal
O Concello de Lousame instala depósitos de aceite usado en todas as parroquias do municipio. O proceso de establecemento destes novos colectores comeza esta semana e a previsión é que nun prazo máximo de tres semanas xa estean todos a disposición da veciñanza. Trátase dunha acción que se enmarca no proxecto de reciclaxe e impulso da reutilización de residuos que abandeira o Executivo local.
O concelleiro de Medio Ambiente, Ramón Martínez, explicou que “a media de aceite usado por habitante ao ano é de 5 quilos, polo que é moi importante promover un bo uso destes novos colectores, que supoñen un investimento municipal necesario para mellorar as cotas de reciclaxe do concello”.
Os depósitos son só para aceite embotellado, polo que non se pode verter aceite a granel. Para facilitar a súa reciclaxe os usuarios e usuarias deben empregar un envase de plástico de uso doméstico, nunca de vidro e non acompañar as botellas con bolsas de plástico.
Tradicionalmente, os aceites de cociña usados nos domicilios constituían un residuo urbano non controlado, pero dende hai uns anos comezou a xestionarse a súa recollida e o seu tratamento. De feito, é moi habitual que nos domicilios as persoas se desfagan destes aceites usados no vertedoiro ou no WC. Pero esta práctica ocasiona avarías na rede de desaugadoiro das vivendas e na rede municipal e, incluso, podería provocar pragas prexudiciais para a saúde.
O aceite usado ten un alto poder de contaminación –un litro pode contaminar ata 1000 litros de auga-, se ben non é un residuo perigoso. Cando estes aceites usados terminan nas plantas de tratamento de augas residuais son moi difíciles de eliminar, e cando aparecen no medio natural ocasionan a contaminación dos terreos acuíferos e provocan danos na fauna e na flora destes espazos.
O tratamento deste residuo permitirá transformalo en Biodiésel, que é un carburante ecolóxico que non xera emisións e que, por tanto, non deixa pegada de carbono.