A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe un encontro de traballo cos representantes da Fundación Juan Soñador que desenvolve desde 2017 na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo o programa Malaikas para mulleres migrantes
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha reunión de seguimento do proxecto Malaikas que a Xunta, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, mantén coa fundación Juan Soñador de apoio ás mulleres inmigrantes en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social.
O Goberno galego apoia o labor especializado que a Fundación Juan Soñador desenvolve a través do proxecto Malaikas para o empoderamento de mulleres migrantes en situación de vulnerabilidade e risco de exclusión social con intervención nas cidades de Lugo, Vigo, Ourense e A Coruña. Os obxectivos deste son incrementar as redes de apoio social das mulleres que participan na iniciativa e axudalas a afrontar situacións persoais, familiares ou sociais a través de espazos grupais e comunitarios.
Lévase a cabo un labor de sensibilización á cidadanía sobre a situación das mulleres migrantes, a través dun enfoque de igualdade e xénero. Deste xeito, contan cun espazo de acollida diario onde poden recibir a información que precisen e utilizar medios tecnolóxicos, ao tempo que se lles ofrece participar en obradoiros de formación.
En 2020, un total de 180 mulleres resultaron usuarias do espazo de acollida e información no marco deste programa que se ven desenvolvendo desde 2017. Outras 66 mulleres tomaron parte nos obradoiros formativos e de empoderamento desta entidade.
Redes de apoio social
Nas redes de apoio social, cada beneficiaria conta con outras dúas mulleres novas coas que poder contar na súa vida diaria. Tal e como destacou Susana López Abella, os grupos Malaikas en cada cidade “aumentaron as súas redes de apoio comunitario e agora contan con grupos de participantes coas que se relacionan tamén na súa vida privada, cos que se mellora o seu benestar emocional e a posibilidade de afrontar situacións persoais e familiares”.
As usuarias deste programa valoran a experiencia como moi positiva nas súas vidas, así o manifestaron o 70%, dicindo sentirse máis fortes e motivadas.
Malaikas está a cumprir deste xeito co obxectivo de contribuír a que as mulleres rompan o seu illamento e se xunten con outras persoas que viviron procesos migratorios semellantes. A Xunta valora moi positivamente que nestes catro anos máis de 200 mulleres crearan alianzas que teñen os grupos Malaikas como referencia. “Máis inda nun ano no que a covid-19 fixo que as mesmas se fortaleceran”, expresou a secretaria xeral da Igualdade.