Saturday 16 de November de 2024

O Concello urxe á Xunta no apuntalamento da dársena de Malpica e na mellora da rede de infraestruturas


O delegado territorial na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, puido comprobar de primeira man a necesidade de actuar con urxencia na vía que conecta o porto coa lonxa malpicá.

Do mesmo xeito, pediuse colaboración á hora de mellorar a rede de saneamento e de incrementar a seguridade viaria en varios puntos do municipio.

O Concello de Malpica solicitou unha vez máis a colaboración da Xunta de Galicia á hora de mellorar a rede de infraestruturas do municipio. Unha das prioridades é actuar canto antes no apuntalamento da ponte da dársena, que permanece pechada ó tráfico na actualidade e que está a producir graves consecuencias na economía local.

O alcalde, Walter Pardo, e o concelleiro de Benestar, Sergio García, mantiveron unha reunión co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. Nesta xuntanza, o goberno local insistiu na “necesidade de actuar coa máxima celeridade posible na dársena e reducir os prazos do seu apuntalamento”, para que deste xeito os camións poidan atravesar a vía de novo e chegar á lonxa.

“Moitas familias de Malpica dependen directa e indirectamente desta actuación, polo que instamos a Portos de Galicia a facer un esforzo e rematar a intervención o máis rápido posible”, destacou o alcalde.

Por outra banda, na reunión expúxose algunha das deficiencias que presenta a rede de saneamento, especialmente no núcleo de Beo, e que foron postas de manifesto no Plan Director presentado este mes.

Outra das melloras propostas é a instalación dun tanque de tormentas próximo á EDAR de Malpica.. Esta estación está a asumir un volume de traballo superior ó normal debido a filtracións de auga limpa, polo que esta intervención “diminuiría o seu consumo e incrementaría a eficiencia do seu servizo”, asegurou o goberno local.

Rede de infraestruturas

Entre as prioridades do Concello de Malpica está asegurar as condicións de seguridade viaria na contorna do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño e do CEIP Milladoiro de Malpica. Unha das propostas pasa pola creación dun paso de peóns iluminado e dun sistema de semáforos para regular o acceso de vehículos nas horas de saída e entrada dos centros.

Tamén se contemplaron melloras en varias estradas e vías de servizo de titularidade autonómica coas que facilitar o tránsito de peóns e reducir a velocidade dos vehículos. Deste xeito continuaríase coa liña de actuación do goberno local, que pretende situar ó viandante como protagonista fronte ó tráfico rodado.

O alcalde agradeceu a disposición do delegado territorial, que se desprazou ata Malpica para comprobar de primeira man a necesidade destas intervencións. “Agardamos que se atendan as nosas solicitudes e poder contar co apoio económico da Administración autonómica”, concluíu Walter Pardo.