Friday 22 de November de 2024

A Xunta recoñece o traballo de cinco estudantes cos Premios Extraordinarios nas Ensinanzas Artísticas Profesionais


A iniciativa recoñece e valora publicamente os méritos académicos excepcionais baseados no esforzo e no traballo dos alumnos no pasado curso 2019/20

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución da concesión dos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes plásticas e Deseño. Con eles recoñécense e valóranse publicamente os méritos académicos e artísticos excepcionais baseados no esforzo e no traballo de cinco alumnas e alumnos que remataron os seus estudos no curso 2019/20 cun excelente resultado académico.

Na modalidade de Música resultaron premiados dous alumnos do Conservatorio de Música Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra (Iván Guimarey Touriño na especialidade de tuba e Iván Ruibal Seoane na especialidade de piano), e Ana Molina Touza, alumna do Conservatorio de Música Profesional da Coruña na especialidade de violín.

Os dous galardóns outorgados na modalidade de Artes plásticas e Deseño foron para Elva Alján Alves da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña na especialidade de ilustración; e Nicolás Martínez do Reis, no CE.ART Aula D de Vigo (centro autorizado de Artes plásticas e Deseño), na especialidade de Proxecto e dirección de obras de decoración.

A maiores da dotación económica, de 850 euros por premio, os galardoados recibirán un diploma acreditativo e anotarase esta distinción tanto nos seus expedientes como nas certificacións académicas que se lles emitan, ademais da posibilidade de concorrer ao correspondente premio nacional.

Para optar a estes premios as persoas aspirantes debían contar cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais, nas modalidades de Música e Danza, ou no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado.

Na modalidade de Música deberon, ademais, realizar unha interpretación como solista e presentar unha copia dunha gravación de vídeo na cal interpretase tres pezas de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música. Pola súa banda, as persoas aspirantes na modalidade de Artes Plásticas e Deseño tiveron que presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorrían.