Canarga S.L. é a empresa que está realizando esta actuación, iniciada en xaneiro e cun prazo de execución de 60 días
Operarios da empresa adxudicataria Canarga están inmersos xa nos labores de execución da actuación dirixida á recuperación integral do río Arlés (tamén coñecido como Artes e Sanchanás) e a súa contorna: a última das grandes accións incluídas no proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciada nun 70% con fondos europeos FEDER, e ten un orzamento de 595.205 euros.
Dende o pasado mes de xaneiro, estase a traballar xa na creación da senda peonil que descorrerá paralela ao cauce do río, dende a súa confluencia coa estrada DP 71304 ao seu paso pola parroquia de Artes, ata as inmediacións do campo de fútbol de Oleiros.
Estes labores atópanse bastante avanzados e os obreiros estaban hoxe moi preto da igrexa de San Martiño e do novo centro social de Oleiros. Unha vez concluída, a senda creada contará con tramos de pasarelas de madeira combinados con outros nos que o itinerario será de zahorra bordeada e delimitada a ambos lados con madeira.
Tamén será limpada e desbrozada a parte máis alta do río e acondicionaranse camiños, viais e estruturas existentes.
Sinalización
Outras accións previstas son a creación dunha área recreativa con zona de descanso e esparcimento no curso baixo do río e a activación dun plan de sinalización, orientación e divulgación do patrimonio natural, etnográfico, cultural e paisaxístico, instalando paneis de situación e acceso, e situando mesas interpretativas ao longo da senda.
O período de execución dos traballos son 60 días.