Friday 22 de November de 2024

Trenor informa do Plan de Apoio aos establecementos de proximidade e anima aos comerciantes a sumarse ao Bono Activa Comercio


A iniciativa, para incentivar o consumo, arrincará a principios de maio con descontos de 30€ para os clientes, os establecementos interesados en participar xa poden presentar a súa solicitude

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou aos representantes do Centro Comercial Aberto de Carballo da iniciativa para incentivar o consumo que arrincará a principios de maio e que ofrecerá descontos de 30 euros aos clientes á hora de facer as compras no pequeno comercio.

Este programa forma parte do plan de apoio ao comercio galego no que tamén se inclúen o bono para mellorar as instalacións eléctricas de pemes e autónomos e as axudas para a substitución de electrodomésticos. Ademais, Trenor lembrou que esta entidade recibiu unha achega de 33.000 euros dentro das axudas dirixidas a asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos (CCA) e federacións para a revitalización do comercio de proximidade.

No encontro, o representante do Goberno autonómico animou aos membros da entidade a solicitar a adhesión ao Bono Activa Comercio. O delegado da Xunta destacou que xa se poden adherir os establecementos interesados desde o pasado 15 de abril.

“Trátase dunha medida necesaria no contexto actual, onde os efectos da pandemia en sectores como o comercio teñen un enorme impacto e requiren da reacción inmediata das diferentes administracións, así como de medidas de acompañamento”, asegurou Trenor, quen engadiu: “Esta iniciativa de dinamización permitirá incrementar as vendas do comercio, á vez que os bonos de desconto outorgarán unha maior capacidade de compra aos consumidores”.

Este plan conta cun orzamento de 10 M€ que se repartirán en bonos de desconto de 30 euros dos que se poderán beneficiar ao redor de 330.000 clientes. Preténdese mobilizar 55 M€ para dinamizar as vendas nos establecementos de proximidade de toda Galicia e contribuír, deste xeito, á súa reactivación.

Este bono funcionará a través dunha aplicación móbil ofrecendo descontos de 5 euros por compras iguais ou superiores a 30, así como descontos de 10 euros se son iguais ou superiores a 50 cun período de validez de tres meses desde o seu lanzamento, previsto para principios de maio.

Esta iniciativa forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego que contará con 20 M€ en axudas para incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña. A Xunta conta con outras actuacións como o plan Renove Electrodomésticos, a través do que se investirán 3 M€ para que 20.000 fogares renoven os seus electrodomésticos e que os particulares xa poden solicitar; ou o Bono Enerxía Peme e Comercio, cuxo prazo de solicitude tamén está aberto, e que apoiará tanto a mellora como a renovación dos sistemas eléctricos, iluminación ou climatización para incrementar a eficiencia enerxética. Para esta última iniciativa, resérvanse 3 M€ cos que se espera chegar en Galicia a 1000 pemes e autónomos do comercio, a hostalería e as actividades artísticas, recreativas e de entretemento.