Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Fene recepciona as obras de ampliación e mellora do cemiterio municipal


O Concello informa que aínda non está aberto o prazo de solicitude dos nichos, xa que antes será necesario modificar a ordenanza reguladora do camposanto, algo que pode levar varios meses. Ao procedemento de concesión e ao período de solicitude daráselles publicidade no seu momento.

O Concello de Fene recepcionou esta mañá os dous proxectos de obra que se desenvolveron no cemiterio municipal de Barallobre con dous obxectivos básicos. Dunha banda a ampliación da súa capacidade con 378 novos nichos e dous módulos columbarios e, doutra, a mellora da accesibilidade dotando de pavimento as rúas entre os bloques, axardinando os espazos libres e colocando billas de subministración de auga, bancos e papeleiras. Ademais, dentro das actuacións -cofinanciadas pola Deputación e o Concello- tamén se instalou un equipo para a incineración de refugallos. De ambos proxectos encargouse a construtora Sergonsa Servicios SL por un prezo de 363.771,98 euros. Desde o Executivo local avanzan que o seguinte paso será a modificación da ordenanza reguladora dos servizos e prezos públicos do camposanto e que, unha vez efectuado este trámite -non antes-, abrirá o prazo de solicitude dos nichos, ao que se lle dará a debida publicidade chegado o momento. A intención municipal é que as concesións da ampliación se fagan por un período de 75 anos e non “a perpetuidade” como ocorre na actualidade.

O alcalde, Juventino Trigo, visitou esta mañá o cemiterio na compaña da responsable de Obras, Mar Piñeiro, e de persoal tanto da empresa como do departamento municipal de Urbanismo, encargado de certificar o efectivo cumprimento das obras deseñadas, que se levaron a cabo con dous proxectos separados.

Por medio do primeiro -188.469,60€ financiados co POS provincial- construíronse 126 novas columnas de nichos en catro bloques situados nunha superficie de 1.800 metros cadrados na parte leste do cemiterio. Tres deles son idénticos, de 24 columnas con cinceiro inferior e 72 nichos cada un (216 nichos en total), mentres que o cuarto bloque, de case 30 metros de lonxitude, conta con 162 nichos distribuídos en 54 columnas co seu correspondente cinceiro.

O segundo proxecto, cifrado en 175.302,38 euros asumidos directamente polo Concello, serviu para urbanizar o entorno con pavimento, mobiliario e espazos axardinados, ademais da construción de dous módulos columbarios -para depositar urnas- e a instalación dun forno especial para a incineración de refugallos, como por exemplo flores secas, coroas, madeira e outros restos funerarios.

Modificación da ordenanza antes de adxudicar os nichos
A obras incrementan a capacidade do cemiterio municipal en 378 sepulturas e dánlle cumprimento deste xeito a anos de peticións veciñais. Tal e como recordou esta mañá Juventino Trigo, o cemiterio estaba chegando ao límite da súa capacidade e con este proxecto respóndese á demanda actual e a medio prazo das instalacións, onde aínda quedarían dispoñibles outros 3.000 metros cadrados por se fose necesaria unha nova ampliación no futuro.

A raíz do anuncio das obras -iniciadas a mediados de decembro- houbo veciñanza que se interesou polos novos nichos e que mesmo se apurou a rexistrar escritos de solicitude dos mesmos. A este respecto o rexedor precisa en que o proceso de adxudicación dos espazos se fará dándolle a debida publicidade e que, polo tanto, non se atenderá ningunha das peticións rexistradas nos últimos meses, que deberán axustarse aos prazos e o procedementos que indique o Concello no seu momento.

Porén, antes de abrir o prazo será necesario modificar a actual ordenanza do camposanto, onde se regulan os prezos, os criterios de asignación e o tempo máximo das concesións que, no caso desta ampliación (e tamén dos nichos que queden libres noutras zonas do cemiterio), se farán por un período determinado e non “a perpetuidade” como ocorre na actualidade. A intención do Concello é fixar ese período nos 75 anos que permite como máximo o artigo 93 da Lei de Patrimonio das Administracións Públicas.