Friday 22 de November de 2024

O Concello convoca unha nova edición dos premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación


A alcaldesa destacou a especial relevancia deste certame “nestes tempos de pandemia” posto que máis que nunca “o labor de xornalistas, divulgadores/as e comunicadores/as é fundamental para que a ciencia chegue de forma comprensible a toda a cidadanía”

O Concello da Coruña, a través dos Museos Científicos, convoca a XXXIV edición dos premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación, en que se premiarán cun Prisma de Bronce os mellores traballos en
oito categorías: Vídeo, Novos medios, Texto inédito e audoeditado, Libro editado, Artigo xornalístico, Radio, Proxectos singulares e Prisma especial do xurado. Ademais, todas as modalidades, excepto a de Libro editado e a de Prisma especial do xurado, están dotadas cunha remuneración de 4.000 euros.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, sinalou que “nestes tempos de pandemia os Prismas á Divulgación teñen unha relevancia especial, pois agora, máis que nunca quizais, o labor de xornalistas, divulgadores/as e comunicadores/as é fundamental para que a ciencia, tanto nos seus fundamentos como nos seus avances, chegue de forma comprensible a toda a cidadanía”.

As persoas que desexen participar nesta convocatoria dos Prismas á Divulgación poden presentar os seus traballos e candidaturas antes do 30 de xuño para a modalidade de libros editados, e antes do 31 de xullo nas demais categorías.

Os Prismas entregaranse no transcurso dun acto que terá lugar na Coruña o sábado 20 de novembro de 2021.