Friday 22 de November de 2024

O Concello da Pobra presenta dous programas dirixidos a persoas en situación de vulnerabilidade


O Concello da Pobra do Caramiñal porá en marcha dous novos programas adscritos á Concellaría dos Servizos Sociais unha vez se doten da partida orzamentaria. Esta última cuestión será levada ao pleno extraordinario do día 29 de abril, no punto da orde do día correspondente á aprobación provisional dun crédito extraordinario. Así o expuxo a edil Amparo Cerecedo (BNG), acompañada da educadora familiar do Concello, Lidia Martínez.

A concelleira explicou que ámbolos programas se estenderán ao longo deste 2021 e versarán sobre apoio, acompañamento e atención familiar en contornos de risco.

Por unha banda, a Fundación Meniños desenvolverá un proxecto de atención familiar en contornos de risco que ten por obxecto desenvolve-la atención e coidado das persoas menores de idade. Traballarán con entre 8 e 10 familias, o cal se traducirá en atender entre 15 e 20 crianzas e adolescentes. O equipo estará integrado por un educador social especializado en trauma e que emprega a terapia baseada no apego.

O outro programa será levado a cabo por Enraizando. Cooperativa de traballo asociado e focalizarase no acompañamento individual/familiar cuxo eixe de actuación serán as persoas en situación de vulnerabilidade e as súas familias, concretamente aquelas con trastorno mental grave (TGM) e patoloxía dual. Ofrecerán atención psicosocial domiciliaria e apoio comunitario para permitir que as persoas poidan cubri-las súas necesidades no seu propio contorno e contexto, evitando así situacións de illamento, marxinación ou de sobreutilización doutros dispositivos. Contarase así cun servizo deseñado especificamente para cada situación, para cada persoa e que se desenvolve no seu medio máis achegado. O equipo estará conformado por dous educadores sociais e unha psicóloga que atenderán ao redor de 10 usuarios e usuarias.