Afal Ferrolterra retoma en maio o seu programa de formación para familiares e coidadores de enfermos de Alzheimer e outras demencias
A asociación Afal Ferrolterra abre o prazo para participar nos cursos de formación sobre demencias
que organiza para persoas coidadoras e familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias. As
accións formativas, organizadas coa colaboración dos concellos e centros de saúde das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, desenvolveranse en modalidade en liña ou webinar a través da plataforma Meet Google e terán unha duración dunha semana, do luns 3 ao venres 7 de maio,
de 12.00 a 13.00 horas. Ademais, serán totalmente gratuítas. Para participar é necesario inscribirse
chamando ao teléfono 981 370 692 (de luns a venres, de 9.00 a 19.00 horas) ou por correo electrónico
(afalferrolterra@afalferrolterra.com). Unha vez rexistradas, as persoas interesadas recibirán unha
ligazón para acceder ás videoconferencias programadas.
“Aprendizaxe de convivencia coa demencia” é o título dun programa formativo que AFAL
Ferrolterra está a desenvolver desde 2020 co obxectivo de proporcionar ás persoas coidadoras
“todas as medidas preventivas fronte á chamada Síndrome do Coidador, ofrecendo uns coidados
óptimos ao enfermo pero sen perder en ningún momento a propia calidade de vida”. Trátase, en definitiva, de abordar contidos de interese tanto para os coidadores principais como para outras
persoas que atenden ao enfermo/a de maneira ocasional. Así, informarase sobre a enfermidade en si
mesma (e sobre outras demencias), sobre a súa evolución e sobre aquelas cuestións que se deben
de ter en conta para uns coidados adecuados. Pero tamén se tratará de axudar aos coidadores para xestionar a situación sen que iso incida de forma negativa na súa propia vida e no seu futuro.
Para conseguilo, nos cursos abordaranse os seguintes temas:
. Demencias_ Definición, causas de sospeita, tipos de demencia, prevención, demencia pre-senil e
senil, fases da demencia e tratamentos.
. Tratamento non farmacolóxico e comunicación_ Intervención non farmacolóxica, obxectivos,
metodoloxía, comunicación ao longo da enfermidade (características) e actitudes positivas que
debe adoptar o coidador.
. Coidando ao coidador_ Rol do coidador principal, problemática exposta, fases da Síndrome do
coidador, signos de alerta, pensamentos automáticos e recursos para manexalos, o illamento,
insomnio e problemas físicos, ansiedade, depresión e sentimentos do coidador.
. Saber convivir coa demencia_ Alteracións de conduta durante a noite, alteracións de conduta
durante o día, actitudes por parte do coidador para previr, actitudes que poden atenuar as
alteracións de conduta, alimentación, aseo, consellos e mensaxes ao coidador.
. Saber vivir, saber envellecer.
AFAL FERROLTERRA
Afal Ferrolterra é unha organización sen fins lucrativos que xestiona dous Centros de Día Terapéuticos e
outros recursos especializados para enfermos de alzhéimer e outras demencias. Na actualidade atende
directamente a máis de 200 persoas afectadas pola enfermidade e dá apoio ás súas familias e coidadores.Os obxectivos da entidade son: mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzhéimer ou outras demencias e das súas familias; sensibilizar á sociedade e aos profesionais sanitarios acerca da dimensión e impacto socio-familiar da enfermidade de alzhéimer; e promover recursos sociosanitarios que favorezan a autonomía persoal e funcional do enfermo e a súa familia.