O Concello da Pobra do Caramiñal solicitou unha explicación ao Comité Clínico, o órgano que asesora a Xunta na xestión da pandemia provocada pola Covid-19, do porqué da decisión de que o municipio continúe no nivel de restrición máxima, a pesar da boa evolución co descenso no número de casos. A resposta recibida foi que este tipo de resolución “tómase no seo do Comité Clínico e non se basea unicamente nas taxas de incidencia a sete e catorce días, aínda que se valoran como datos relevantes”, polo cal se teñen en conta outros moitos factores tales como “a evolución do número de casos e as características dos abrochos que se están a producir, e que fan que a situación sexa considerada como de maior risco de transmisión dentro do concello e tamén difundirse a concellos limítrofes.”
Neste senso, recoñeceron que, no caso concreto da Pobra, a evolución da súa incidencia “está a mellorar moito”, pero “preocúpanos que se estea a desenvolver un abrocho cun número importante de casos e que se difundiu, ademais, a outros concellos”. Indican tamén que se identificaron dúas variantes do virus tradicional “con maior transmisibilidade, que poden poñer en risco o control da incidencia no seu concello.”
Sinalan que son conscientes do que significa este nivel de restrición dende o punto de vista económico e social, que afecta especialmente a hostalaría e outras actividades.
A situación valorarase novamente no Comité Clínico deste martes e “poderán rebaixarse estas medidas se os datos indican unha situación estable.”
A Administración local manifesta que respecta as decisións adoptadas á espera do que o Comité Clínico decida na reunión de mañá, martes. Cómpre lembrar que a situación no 26 de abril de 2021 é a seguinte:
• O número de casos diagnosticados a 14 días sitúase nos 22, cunha incidencia acumulada por cada 100 000 habitantes de 236, dentro do intervalo entre 150 e 250 casos, que situaría o noso concello no nivel de restrición media.
• A 7 días a incidencia acumulada sitúase entre 25 e 75 casos por cada 100 000 habitantes, cun número de casos diagnosticados neste período entre 1 e 9. A valoración de maneira independente deste dato situaríanos no nivel de restrición media-baixa.