Friday 22 de November de 2024

O Concello presenta na Consellería de Medio Ambiente un proxecto para repoñer o firme da pista de Reira


· A alcaldesa, Sandra Insua, e o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, reuníronse coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Docampo.
· O obxectivo do encontro é conseguir as autorizacións necesarias para levar a cabo a actuación, que se faría cun pavimento de ‘suelo-cemento’.
· “É urxente atopar unha solución definitiva para a pista de Reira xa que é unha vía de moita afluencia que se levanta con cada temporal e ocasiónanos importantes gastos ano tras ano”, explicou a alcaldesa.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, presentaron hoxe na Consellería de Medio Ambiente un proxecto para a reposición do firme da pista de Reira que periodicamente é obxecto de rebacheos con fondos propios para reparar os múltiples danos ocasionados por diferentes temporais e que impiden o seu uso normal.

No encontro mantido coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Docampo, a alcaldesa expuxo o proxecto e solicitou as autorizacións necesarias para levalo a cabo xa que esta zona se atopa dentro da Rede Natura.

A directora xeral comprometeuse a trasladalo aos técnicos e á propia conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, para que avalíen a idoneidade da acción proposta e, posteriormente, estudar a formalización dun convenio entre as dúas administracións que permita financiala.

O proxecto que o Concello de Camariñas prevé para a pista de Reira consiste na reposición do firme nos 12 quilómetros da vía desde Cabo Vilán ata Santa Mariña, substituíndo o actual de zahorra por un pavimento denominado de ‘suelo-cemento’ similar ao que a Demarcación de Costas aplicou no tramo inicial da senda existente na contorna da praia de Lingunde.

Á saída da reunión a alcaldesa de Camariñas explicou que “é urxente atopar unha solución definitiva para a pista de Reira xa que é unha vía de moita afluencia, tanto por parte de turistas como de veciños e veciñas, que se levanta con cada temporal e ocasiona importantes gastos ao Concello ano tras ano”.

Pola súa parte Sergio Caamaño destacou que “o sistema actual de zahorra está demostrado que non é o máis adecuado para a zona xa que, continuamente, as augas e os temporais levan a zahorra cara o mar” e subliñou que “por iso o sistema de suelo-cemento, respectuoso co medio ambiente e de maior durabilidade, nos parece a solucion idónea”.