A Concellaría dos Servizos Municipais da Pobra do Caramiñal informa de que a Ecobrigada da Asociación Amicos comezou na pasada semana cos labores de acondicionamento das cunetas das vías de titularidade municipal. Unhas tarefas que se poñen en marcha tódolos anos por estas datas ao coincidir co incremento da flora silvestre.
A edil Estefanía Ramos (Nós Pobra) explica que o Concello conta con esta brigada, igual que vén facendo nos últimos anos, para estes traballos de mantemento consistentes na roza e na limpeza das marxes das estradas do municipio pobrense, focalizándose na retirada de vexetación e lixo, para contribuír a mellora-la visibilidade e a seguridade dos camiños. Neste senso, a concelleira destacou o “excelente traballo”, así como a importancia de apoia-la inserción laboral de persoas con discapacidade.
A primeira zona na cal se actuou foi en Cercias, continuando polo Castro e A Garita, para progresivamente chegar a tódalas áreas do termo municipal.