Ambos convenios tamén reflicten a colaboración co consistorio en actividades formativas e de promoción do sector primario
O concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, e os presidentes da AGFA do Eume e da Asociación Casa do Mel, José Antonio Bellas e Manuel Ferreira, asinaron hoxe a media mañá os convenios de colaboración entre o Concello e as dúas entidades para a promoción da fructicultura e a apicultura ao longo deste 2021. Os acordos reflicten o apoio ao consistorio nestes dous ámbitos, pero tamén o mantemento da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos e do colmear didáctico situados na finca da Cortiña. Ademais ambas asociacións comprométense a organizar cursos gratuítos para a veciñanza de San Sadurniño e a colaborar no desenvolvemento doutras actividades de dinamización do sector primario. O importe dos acordos ascende a 3.500 euros no caso da AGFA do Eume e a 1.500 no da Asociación Casa do Mel.
Tal e como establece o convenio, a Asociación da Froita Autóctona do Eume asume o compromiso de continuar diversificando a plantación da Cortiña con novas variedades ou repoñendo os pés que marren, xunto coa execución dos traballos necesarios para a conservación e mantemento da leira, entre eles os programas anuais de poda que aseguren a correcta produción da colección de especies.
Ademais tamén se recolle a colaboración da asociación na organización do concurso de froita autóctona da Feira Rural -onde se promocionan as castes tradicionais de toda a comarca- a encomenda de planificar as visitas ao recinto e a súa participación nas xornadas “Apostando polo sector primario” que se desenvolverán a mediados de maio. Sen saír dos cometidos formativos, a entidade tamén se compromete a organizar un curso cunha duración mínima de 20 horas relacionado coa fructicultura que ha de ser gratuíto para a veciñanza de San Sadurniño.
O convenio asinado coa Asociación Casa do Mel de Goente tamén delega neste colectivo o mantemento das colmeas situadas ao pé da plantación de froiteiras. Deberán repoñer elementos deteriorados, ofrecerlles ás abellas os coidados que requiran e mesmo contratar un seguro de responsabilidade civil polos danos que puidesen causar.
O acordo inclúe unha parte didáctica, vinculada á realización de dúas visitas guiadas dirixidas ao alumnado do CPI -parte do mel recollido destinarase precisamente ás visitas escolares- e á celebración dunha exposición apícola na Feira Rural. Dentro do convenio vai, ademais, o curso anual de introdución á apicultura que se desenvolverá os días 1, 2, 8 e 9 de maio. Igual que no caso da AGFA, que aínda non ten datas postas para o seu, este curso é gratuíto para xente empadroada no concello. Por outra banda, a asociación apícola con sede en Goente tamén deberá colaborar nas xornadas “Apostando polo sector primario”, promovidas polo Concello con axuda técnica da AGFA, da propia Casa do Mel e da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, quen este ano non suscribirá convenio.
Unha cláusula común nos dous acordos asinados hoxe é a de que tanto a Asociación Galega da Froita Autóctona como a Asociación Casa do Mel deben procurar coordinarse na realización de visitas guiadas -tanto para escolares como para outros grupos que as concertasen previamente-, co obxectivo de ofrecer unha visión integral do proxecto que se desenvolve na Cortiña en relación co papel polinizador das abellas e a importancia das propias árbores para o sostemento do colmear.
As entidades percibirán nestes días como adianto o 75% da cantidade asignada, mentres que o outro 25% se librará cara a finais de ano, cando presenten as facturas xustificativas dos gastos.