Remarca que a Xunta está informando negativamente de todos aqueles parques eólicos que se están desenvolvendo fóra das áreas establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou hoxe que, en virtude da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, os concellos emprendedores van poder adherirse á plataforma dixital que a Xunta vai impulsar a través do Igape, que funcionará como xanela única para axudalos en todo o proceso de tramitación de novos proxectos empresariais.
Nun encontro con alcaldes da provincia de Ourense para explicar en detalle as novidades que contempla esta nova normativa, Conde apuntou que o obxectivo é achegar a máxima axilidade administrativa ás iniciativas que desde o punto de vista industrial e empresarial se vaian desenvolver en Galicia con todas as garantías e a máxima seguridade xurídica.
Nese sentido, apuntou que a lei establece un prazo xeral de tres meses para emitir informes vinculados á Administración autonómica; aplica o silencio administrativo positivo; amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias e proxectos industrias estratéxicos tendo en conta as propostas que sexan seleccionadas para optar aos fondos europeos; e recolle esta figura para os proxectos de xeración eléctrica a partir de renovables cando estean vencellados ao autoconsumo industrial.
Segundo establece o novo texto normativo, os proxectos eólicos serán considerados iniciativas empresariais prioritarias cando se encadren nun destes tres casos: se xustifican un compromiso industrial asociado ao parque eólico que supoña a creación dun mínimo 25 empregos; se teñen xustificada a totalidade dos compromisos industriais (emprego e investimentos) derivados da Orde de 29 de marzo de 2010, e cando xeren un volume de investimento superior aos 20 millóns de euros.
Desenvolvemento ordenado do sector eólico
Ao respecto, Conde remarcou que a Lei de reactivación económica garante un desenvolvemento ordenado do sector eólico de Galicia porque exixe o cumprimento de todas as garantías ambientais e de impacto territorial. E porque non se poderán desenvolver parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia a excepción de proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social e posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio.
É por este motivo, dixo, que a Xunta está informando negativamente de todos aqueles parques eólicos que se están desenvolvendo fóra desas áreas establecidas polo Plan sectorial eólico de Galicia. No caso concreto da provincia de Ourense, trátase de proxectos tramitados polo Goberno central nos concellos de Carballeda de Valdeorras Maceda, Laza e A Veiga: os parques eólicos de Alto Cabrera, Prada e Rebordechao.
O vicepresidente económico insistiu en que a lei “vai permitir un desenvolvemento ordenado dos parques eólicos en Galicia garantindo o cumprimento dos trámites ambientais, urbanísticos e a compatibilidade co medio rural, e impedirá que se poidan desenvolver aqueles que están fóra do plan sectorial eólico de Galicia”.
Como outra das novidades do novo texto normativo, Conde destacou o papel que lle outorga ás Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM), que se encargarán de avaliar os diferentes proxectos para dar máis axilidade á aprobación de licenzas mantendo as garantías xurídicas e técnicas e favorecendo a liberación de carga administrativa nas administracións locais. Tamén puxo en valor a figura dos Concellos Emprendedores, que xa suman o 45% do total (140) en toda Galicia e que na provincia de Ourense son 64.