A directora de Turismo de Galicia expuxo o estudo de seguimento do Plan Integral de Turismo e o informe anual do turismo en Galicia que abordou a situación e evolución dos seus principais indicadores
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presidiu hoxe a sesión do Consello Galego de Turismo que tivo lugar no Consello Económico e Social de Galicia, en Santiago de Compostela.
Durante a sesión, a directora de Turismo de Galicia, xunto co director de Competitividade, presentaron o estudo de seguimento do Plan Integral de Turismo de Galicia. Nesta liña, traballouse na actualización dalgúns dos obxectivos plantexados no dito plan co fin de marcar novas metas a acadar nos vindeiros dous anos.
Segundo explicou Nava Castro, isto é necesario debido a que, co espectacular crecemento do turismo en Galicia nestes dous últimos anos, acadáronse no ano 2014 algúns dos obxectivos propostos de maneira inicial neste Plan Integral para o ano 2016.
Este é o caso da cifra de viaxeiros aloxados en establecementos regrados que, no 2014, superou o obxectivo marcado dos 4 millóns de turistas ao contabilizarse 4.042.776.
Así mesmo, o número de viaxeiros internacionais que elixiron a nosa comunidade no 2014 superou o obxectivo do millón plantexado polo Plan, ao rexistrarse 1.063.612. Tamén foron superados os obxectivos previstos para o gasto que realizaron estes viaxeiros internacionais xa que no pasado ano gastaron na nosa comunidade un total de 895.230.334€, fronte a cifra obxectivo dos 836 millóns de euros.
A directora de Turismo de Galicia expuxo tamén nesta sesión do Consello Galego de Turismo o informe anual sobre a situación do turismo en Galicia que abordou a situación e evolución dos principais indicadores para do sector.
Neste senso, Nava Castro destacou que no pasado ano Galicia rexistrou un incremento no seu número de pernoitas do 4,5% superando a tasa crecemento medio a nivel estatal -3,1%-. Deste xeito, a nosa comunidade situouse no posto oitavo do ranking de comunidades solo por detrás dos destinos tradicionalmente turísticos.
Así mesmo, Nava Castro salientou que o crecemento de maior intensidade neste número de pernoitas produciuse na temporada media –abril, maio, setembro e outubro- o que mostra un descenso na estacionalidade da demanda turística en Galicia.
A responsable de Turismo resaltou tamén o peso que acadou o pasado ano os turistas internacionais na nosa comunidade, representando xa un 21,2% das noites e rexistrando un crecemento en relación a 2013 do 10,6%. Nesta liña, destacou o incremento dos turistas procedentes de Alemaña –co 2,3% das noites-, Francia –co 2,2%-, Italia –co 2%- e EE.UU. –co 1,4%-. A responsable de Turismo explicou a importancia que conleva que por vez primeira o mercado americano superou en volume e peso ao británico.
En canto á ocupación, Nava Castro salintou que no 2014 o 66,4% da demanda correspondeu aos hoteis. Neste senso, destacou tamén que son os hoteis de catro e cinco estrelas os que amosaron unha ocupación media máis elevada no 2014, cun 42,1% de media.
En relación ao Camiño de Santiago, a directora de Turismo de Galicia explicou que no que vai de ano chegaron a Compostela 1.246 peregrinos, o que supón un incremento do 34% e un récord absoluto. Ademais Nava Castro destacou que no 2014 rexistrouse un importante incremento nos viaxeiros aloxados nos hoteis e pensións dos concellos presentes na ruta subindo o turismo nacional un 9,6% e o internacional nun 20%.
Novo decreto para regular a profesión de guía de turismo de Galicia
Nava Castro presentou tamén o proxecto de decreto polo que se regulará a profesión de guía de turismo de Galicia.
Unha das grandes novidades que introducirá este novo decreto é o procedemento de habilitación directa baseada na posesión de determinados títulos -Técnico superior en guía, información e asistencia turísticas ou Grao ou diplomado en turismo- sen necesidade da superación das probas específicas vixentes na actualidade.
Outra das principais novidades é a duración indefinida da habilitación, sen que sexa necesaria a súa validación cada 5 anos.
Así mesmo, en orde a garantir a calidade e unha axeitada prestación dos servizos que comprende a actividade profesional dos guías de turismo, o novo decreto prevé a organización u homologación de cursos de formación por parte de Turismo de Galicia, sendo voluntaria a súa asistencia.
Ao tempo o novo decreto adaptarase á normativa europea. Isto supón o recoñecemento da liberdade de prestación de servizos e de establecemento para os guías de turismo procedentes de países da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo establecéndose réximes diferentes segundo a procedencia do guía de turismo -outra comunidade autónoma, Unión Europea ou Espazo Económico Europeo ou dun terceiro país-. Non obstante, Turismo de Galicia promocionará os guías rexistrados no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia por estar habilitados pola propia Administración Autonómica galega e polo tanto dispoñer dos mellores coñecementos sobre Galicia.