Inés Rey: “Poñemos en valor un dos símbolos da cidade; nos 20 meses que levamos de goberno investíronse máis de 700.000 euros en obras de mellora do espazo público no barrio da Falperra e máis de 900.000 euros no Ensanche”
A cascada do Pazo da Ópera volve funcionar despois de permanecer parada durante anos polos desprendementos do noiro rochoso situado ao seu carón. A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá a zona onde destacou que o Goberno local pon en valor un dos símbolos da cidade tras anos de parálise: “unha actuación moi demandada pola veciñanza, unha cascada que volve a cobrar vida despois dun traballo moi intenso por parte do equipo técnico”.
A cascada, apuntou, permanecía valada desde o desprendemento do ano 2012 e parada desde hai máis de 3 anos: “o son da auga desta cascada é o son da normalidade que recuperamos con esta obra, con esta cascada que despois de nove anos volve a cobrar vida nesta contorna do parque de Santa Margarida”.
“A parálise é o que definiu os anteriores gobernos, o noso aposta pola reactivación e a recuperación; nos 20 meses que levamos de goberno investíronse máis de 700.00 euros euros en obras de mellora do espazo público no barrio da Falperra e máis de 900.000 euros no Ensanche”, apuntou a rexedora.
Rey sinalou que o proxecto de consolidación do noiro de Santa Margarida, que tivo un custo de 516.000 euros, permite garantir a seguridade e estabilidade do noiro rochoso, recuperar a fervenza e a fonte do Pazo da Ópera, e percorrido peonil baixo o mural de Leopoldo Novoa que conecta cos Mallos, así como habilitar 23 prazas de aparcamento novas. O noiro rochoso permanecerá cuberto por unha malla de protección para garantir a súa consolidación e unha maior seguridade.
A alcaldesa tamén supervisou os traballos de mellora da accesibilidade que se están a desenvolver nas rúas de Costa da Unión, Alfonso VII, e Médico Durán. Rey sinalou que as obras de humanización e urbanización destas rúas son un exemplo do plan de actuacións que está a desenvolver a Concellería de Urbanismo e Mobilidade “para a recuperación dos nosos barrios e a mellora dos espazos urbanos, en definitiva para facer unha cidade máis amable e máis sustentable”. O Goberno local pretende mellorar as infraestruturas en todos os barrios, en especial naqueles que levan anos sen ningún tipo de mantemento.
As obras actualmente en marcha nas rúas Costa da Unión, Alfonso VII e Médico Durán supoñen a mellora completa da accesibilidade de todas as beirarrúas e os cruzamentos, a mellora dos pavimentos da calzada moi deteriorados, así como a plantación de 30 exemplares de carballo e a instalación de mobiliario urbano moderno. A singularidade da actuación é o cruzamento de Alfonso VII e Médico Durán que se eleva en plataforma única e se dota de arboredo e bancos. Deste xeito, créase unha zona de prioridade peonil que busca crear espazos de convivencia no interior do barrio, e que se está a tomar como modelo para outras actuacións como a obra iniciada esta semana nas rúas Cultura e Pintor Lloréns en Labañou.