A alcaldesa, Inés Rey, anunciou que desde o luns ambos os sectores están unificados para dar resposta ás demandas da veciñanza do barrio da Pescaría, que só contaba con 41 estacionamentos en zona verde
A alcaldesa da cidade, Inés Rey, anunciou que o Concello reorganizou, desde o pasado luns, a zona ORA no Ensanche e Pescaría para aumentar as prazas de residentes e así dar resposta ás demandas veciñais do barrio da Pescaría, que só contaba con 41 estacionamentos en zona verde.
Así, a Concellería de Mobilidade unificou, a efectos do servizo público de ordenación e regulación do aparcadoiro nas vías públicas ORA, o Sector 2 (Pescaría) e Sector 3 (Ensanche) da ordenanza reguladora da ORA que pasa a denominarse Sector 3. Deste xeito, sinalou Rey, “as veciñas e veciños da zona da
Pescaría tamén poderán recorrer ás 328 prazas situadas no Ensanche”. O Sector 3 conta desde o pasado luns, día en que a medida entrou en vigor tras a súa publicación no BOP, con 369 prazas de estacionamento para residentes.
A alcaldesa apuntou que “a Área de Mobilidade estudou esta ampliación porque a diferenza no número de prazas para residentes nestes sectores en comparación co resto era moi notable” e, explicou, “esta medida, que beneficia enormemente a toda a veciñanza da Pescaría, enmárcase nun plan de melloras que o Goberno local está levando a cabo para lles dar prioridade ás persoas residentes en toda a cidade”.