O Concello pobrense aplicará provisionalmente dende o día 26 de abril o sentido único de circulación na dirección A Pobra-Boiro, na rúa 2 da Ribeiriña, que se corresponde cun dos tramos do Camiño Real, establecendo a entrada polas inmediacións da Mercé. É un cambio provisional que xa foi notificado previamente á veciñanza do lugar.
Con esta medida, a Administración local busca a mellor solución posible ao problema de fluidez de tráfico rodado existente na referida vía, pois, ata o de agora, permítese o tránsito en ámbolos dous sentidos, polo cal a estreiteza da rúa impide o paso simultáneo de dous vehículos en direccións opostas, tal e como constataron os axentes da Policía local tralas demandas de varias persoas residentes e usuarias da zona.
O concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), explicou que o sentido de circulación estará indicado mediante unha sinalización circunstancial, despois dun informe policial previo. Así mesmo, logo de pasadas tres semanas, realizarase unha consulta ás veciñas e veciños para analiza-lo seu nivel de conformidade con respecto aos resultados desta medida. Tal e como apuntou o edil, de manifestaren o seu descontentamento, procederase á supresión da referida disposición. Así mesmo, recolleranse as propostas que teñan en materia de seguridade viaria.
Deste xeito, procurarase tomar unha decisión final conxunta e co maior consenso posible entre a cidadanía e o Concello.
Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), manifestou que se procederá a acondiciona-la conexión final da rúa 2 coa AC-305 para facilita-la incorporación á estrada e lembrou que a saída cara á Pobra no sentido contrario non está permitida, dada a existencia dunha liña continua, polo cal a referida medida tamén busca “evitar ese cruzamento na AC-305 que non está permitido, é inseguro e causa risco.”