• Prestarán servizo nas praias de Canido e Area Maior desde o 15 de xuño ao 5 de setembro.
• Poderanse presentar candidaturas no Rexistro Xeral ou pola Sede Electrónica ata o vindeiro 14 de maio.
O Concello de Malpica acaba de iniciar o proceso de contratación de seis socorristas para as praias de Canido e Area Maior de cara a tempada de verán do 2021.
Coa súa incorporación, que se fará efectiva a partir do 15 de xuño e ata o 5 de setembro, os areais do municipio contarán maior vixilancia nunha época na que se incrementa notablemente o número de usuarios.
O Boletín Oficial da Provincia de Coruña recolle as bases da convocatoria, á que se poderán presentar candidaturas ata o vindeiro 14 de maio. Poderase facer mediante o Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica, achegando os anexos e a documentación requirida.
Desde o goberno local manifestan a súa satisfacción “pola posta en marcha do proceso, que dotará as praias de Malpica dun servizo moi importante de cara a seguridade das persoas que nos visitan cada verán”.