Friday 22 de November de 2024

A Xunta destina ao Servizo Municipal de Emerxencias de Noia un novo vehículo para actuar en incendios e labores de salvamento


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega esta mañá do novo camión no que o Goberno galego investiu 150.000 euros e que está adaptado para intervir en zonas estreitas de difícil acceso

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega esta mañá ao servizo municipal de emerxencias de Noia dun novo camión para levar a cabo unha primeira intervención en incendios, así como en labores de salvamento. Ademais, está adaptado para acceder a núcleos con vías estreitas.

O Goberno galego destinou 150.000 euros á adquisición deste vehículo tipo autobomba urbana lixera, que conta cunha cisterna de 1.100 litros, o que supón unha cantidade de auga suficiente para afrontar unha primeira intervención nun lume urbano nestas zonas de difícil acceso. Á entrega tamén acudiron o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

A Comisión de Seguimento dos GES –da que forman parte a Xunta, as deputacións provinciais e os concellos- aceptou a proposta da Administración autonómica para poñer en marcha este ano o servizo municipal de Noia, con base neste municipio e que tamén atenderá as incidencias nos concellos de Lousame e Noia. Alfonso Rueda destacou que, deste xeito, os tempos de resposta veranse reducidos nesta zona e mellorarase a cobertura cunha intervención máis áxil e eficiente.

Por iso, a Xunta financia máis da metade do seu custo, ao igual que cos outros 29 Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) e os outros 3 servizos municipais da comunidade, entre eles os 6 novos grupos creados este ano. Trátase dos GES de A Veiga e Maceda en Ourense; dos de A Cañiza, A Lama e Mos/Redondela en Pontevedra e deste servizo municipal de Noia.

Nesta ocasión, o Goberno galego tamén reforza o equipamento deste servizo coa entrega deste camión, que se suma aos case 257.000 euros investidos en material de emerxencias ao concello e ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Lousame e Porto do Son. A Xunta ten realizado un importante esforzo en equipamento cedido aos concellos galegos, con máis de 20 millóns de euros destinados a recursos para os GES e as AVPC.

No caso das agrupacións de voluntarios, a Administración autonómica convoca cada ano dúas ordes de axudas para mellorar o seu equipamento e para os seus gastos de funcionamento.

Nesta liña, o vicepresidente primeiro da Xunta reafirmou o compromiso da Xunta para continuar a apoiar aos servizos de emerxencia da comunidade, tanto na dotación de equipamento como na súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Para contar –asegurou- con profesionais ben equipados e preparados. Tamén apelou á colaboración das administracións co obxectivo de traballar xuntos por unha Galicia máis segura.