Friday 22 de November de 2024

A Xunta colabora co concello de Laracha na prevención dos lumes forestais cunha achega para a adquisición dun vehículo motobomba


A axuda encádrase no Fondo de compensación ambiental, ao que a Administración autonómica destina 11M€ no 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, achegouse hoxe a Laracha para coñecer de primeira man as actuacións que leva a cabo o concello para o coidado do medio ambiente e a prevención dos incendios forestais, labores que contaron cunha achega da Xunta para a adquisición dun vehículo motobomba.

O vehículo está destinado a actuacións de protección do ambiente e do espazo natural, incluídas aquelas que teñen por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco, como labores mecanizados de roza de estradas, camiños forestais ou predios.

Para a súa compra, o Concello de Laracha contou cunha axuda de 32.000 euros do Fondo de cooperación ambiental, co que o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

Natalia Prieto destacou a importancia deste tipo de investimentos na defensa do medio ambiente e na prevención dos incendios forestais, e recordou que a Vicepresidencia Primeira da Xunta, a través das diferentes liñas de axudas da Dirección Xeral de Administración Local, concedeu entre os anos 2009 e 2021 un total de 754.881 euros ao Concello de Laracha para distintas actuacións na mellora das condicións de vida dos veciños.