Friday 22 de November de 2024

A Xunta pon en valor no Senado a experiencia galega no ámbito da cooperación para o desenvolvemento


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu hoxe na Comisión de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento do Senado.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, puxo hoxe en valor no Senado a experiencia galega no ámbito da cooperación para o desenvolvemento polo valor engadido que aporta ao conxunto da cooperación española. Fíxoo nunha comparecencia na comisión de cooperación internacional para o desenvolvemento da Cámara Alta das Cortes españolas, na que defendeu a Lei de Acción Exterior de Galicia que entrou en vigor o pasado 5 de abril.

Jesús Gamallo destacou o importante papel que xoga a cooperación descentralizada porque, ao seu entender, permite xestionar a cooperación atendendo as características de cada comunidade autónoma e porque involucra en maior medida á poboación a aos seus axentes sociais, como se está a facer en Galicia da man das ONGD, as universidades, as empresas e as asociacións empresariais.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE recordou as recomendacións de diferentes organismos internacionais que avogan por unha maior división do traballo e un maior grado de especialización dos diferentes actores da cooperación internacional para evitar solapamentos e duplicidades que poden “limitar a eficacia e a calidade da axuda”.

Jesús Gamallo puxo a normativa galega como exemplo a seguir porque parte dunha experiencia de máis de 25 anos e porque introduce novidades que permiten unha maior flexibilidade e coherencia na xestión e execución das axudas. Por iso, o responsable da acción exterior da Xunta recomendou na Cámara Alta a elaboración dunha regulación de subvencións específica que unifique a multiplicidade de procedementos administrativos e trámites burocráticos aos que se enfrontan os axentes de cooperación.

A nova lei galega, segundo destacou Jesús Gamallo, establece “os principios, obxectivos e criterios da cooperación galega e a súa planificación”, regulando os órganos de cooperación, os recursos e o financiamento, así como os axentes de cooperación para o desenvolvemento o seu rexistro.

Aposta do Goberno galego
Jesús Gamallo explicou que o Goberno galego apostaba por reforzar a singularidade e identidade propia da Cooperación Galega, poñendo en valor as súas especificidades. Desde o punto de vista xeográfico, concentrando os recursos destinados á cooperación en 11 países –Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique, Bolivia, Ecuador, Perú, Guatemala, O Salvador, Honduras, Nicaragua e República Dominicana- e desde o punto de vista estratéxico, delimitando cinco áreas de especialización, ademais de promover a acción conxunta dos axentes de cooperación entre si.

Seguindo os parámetros recollidos no IV Plan director da cooperación galega 2018-2021, Galicia especializa a súa axuda naqueles sectores nos que xoga con vantaxe respecto doutras comunidades, como pode ser o sector pesqueiro –cun especial apoio á pesca artesanal e á acuicultura rural- en colaboración coa Consellería do Mar. Pero tamén na xestión de recursos hídricos, ámbito no que Galicia está a asumir un importante papel apoiando a outras administracións responsables xestión das augas en terceiros países a través da entidade pública Augas de Galicia.

Por último, Jesús Gamallo fixo referencia ao aliñamento do IV Plan director coa Axenda 2030, xa que integra os seus principais valores, en particular la filosofía de “non deixar a ninguén atrás”, prestando especial atención aos grupos de poboación máis vulnerables, así coma á Estratexia galega despregada en resposta á covid-19 para adaptar a planificación e os instrumentos de financiamento da Cooperación Galega á nova situación provocada pola pandemia.