Saturday 16 de November de 2024

O Goberno aproba o Plan Anual de Contratación, a folla da ruta do investimento municipal, con 250 millóns en licitacións previstas


José Manuel Lage Tuñas: “A contratación pública é un instrumento esencial para a dinamización económica da cidade e para a consecución de servizos públicos de calidade”
A previsión municipal para o 2021 chega ao 320 contratos. O Servizo de Contratación tramita desde xaneiro 77 dos procedementos previstos para este ano, por un valor total de 68 millóns de euros
O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, aprobou hoxe o segundo Plan Anual de Contratación posto en marcha en María Pita. O documento supón unha folla de ruta para a aplicación das políticas sociais, económicas e culturais deseñadas polo Executivo de Inés Rey, xa que recolle os principais investimentos previstos na cidade para o 2021 en todas as áreas.
A aprobación e publicación do Plan Anual de Contratación supón tamén, explicou Lage Tuñas, unha mellora na transparencia da xestión, xa que facilita ás empresas coñecer con marxe suficiente os proxectos que sairán a concurso, e permite aos cidadáns saber cales son as previsións do Goberno municipal en cada área.
O Plan de Contratación recolle investimentos por valor de 248.969.236 euros repartidos en 320 contratos. A práctica totalidade dos contratos (247,7 millóns de euros) sairá a concurso por procedementos de concorrencia aberta. As áreas con maior previsión de investimento son as de Infraestruturas, Mobilidade e Urbanismo, con 110 millóns de euros, seguidas por Medio Ambiente, Benestar Social e Cultura.
“O Plan non é un documento pechado, mais aporta claridade e transparencia no labor de Goberno e amosa claramente a aposta da nosa alcaldesa, Inés Rey, polo investimento público”, indicou Lage Tuñas, quen define o plan de contratación “coma unha guía na que o Goberno amosa as súas previsións”, previsións que deberán adaptarse ás necesidades de cada momento, como de feito aconteceu durante o 2020 coa incidencia da Covid-19.
A pesares da pandemia e da suspensión de prazos administrativos durante case tres meses, o Concello tramitou contratos por valor de 168 millóns de euros no 2020, procedementos que supuxeron a adxudicación de máis de 106 millóns de euros correspondentes a 131 concursos, aos que hai que sumar outros preto de 60 cuxa tramitación comezou o ano pasado e culmina nestes primeiros meses do 2021.
No plan do 2020 recollíase a licitación do servizo de tratamento de residuos en Nostián, cunha previsión de investimento de máis de 300 millóns de euros durante todo o prazo de concesión. Os cambios normativos xurdidos desde a data de finalización dos pregos obriga a adaptalos á nova normativa galega de residuos. Polo dito motivo, no 2021 se recolle unha partida específica para poder levar a cabo os traballos previos á súa licitación.
O documento aprobado hoxe non inclúe todos os investimentos municipais. Os contratos menores, as concesións de dominio público ou as contratacións de emerxencia non figuran no plan. No 2020, á causa da pandemia, o Goberno de Inés Rey destinou 13,2 millóns de euros ao PRESCO, investimento non previsto e que tampouco figuraba na folla de ruta de contratación.
A ordenación da contratación levada a cabo polo Executivo de Inés Rey permitiu tamén a agrupación de contratos de servizos unificando criterios e poñendo fin a centos de situacións irregulares, ben por tratarse de servizos con contratos vencidos, ben porque estes se estaban a prestar sen a necesaria homoxeneidade de condicións laborais e económicas, malia corresponder a idénticos servizos. Nota de Prensa
INVESTIMENTO PREVISTO POR ÁREAS   ÁREA Nº CONTRATOS   VALOR TOTAL
Cultura 47 20.577.864 €
Deportes 22 13.126.239 €
Economía, Facenda e Réxime Interior 39 11.662.991 €
Educación e Memoria Histórica 10 14.568.632 €
Infraestruturas, Mobilidade e
Urbanismo
87 110.436.809 €
Innovación, Emprego e Comercio 21 8.855.702 €
Igualdade, Benestar Social e
Participación
35 28.136.382 €
Medio Ambiente 20 36.804.341 €
Outros 39 4.800.266 €
TOTAL 320 248.969.236 €