O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e a presidenta da entidade asinan un convenio polo que o Goberno galego achegará 120.000€ a estas citas
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, asinaron hoxe un convenio polo que a Xunta colaborará con 120.000€ na celebración das 12 citas que compoñen este ano o calendario das Feiras do Libro de Galicia, das que o Goberno galego é a principal institución patrocinadora. O obxectivo deste apoio, enmarcado no Plan de reactivación para o sector cultural, é achegar o libro á cidadanía a través da exhibición, difusión e comercialización profesional.
O titular de Cultura da Xunta de Galicia salientou que este apoio reflicte o firme compromiso da Administración autonómica co sector cultural, pois asegura a realización de citas culturais que buscan dar a coñecer “o mellor das nosas letras mediante a promoción dos autores, o impulso de certames literarios e premios ou a posta en valor do traballo feito polos profesionais do sector do libro ao tempo que se fomenta a lectura e se potencia a cultura literaria entre a sociedade”.
O investimento feito pola Xunta para apoiar a celebración destas feiras forma parte, tal e como sinalou Román Rodríguez, dunha intensa e permanente cooperación co sector do libro co fin de paliar os efectos da pandemia e favorecer a súa recuperación. Así, tal e como precisou, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina este ano preto de 1,4M€ para impulsar actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas, mellorar as súas coleccións e subvencionar a compra de novidades editoriais.
Ademais, tamén está en marcha unha liña de axudas para a tradución de obras xa publicadas e nos vindeiros meses abriranse varias convocatorias de subvencións dirixidas a gastos de edición, distribución e comercialización; facilitar a asistencia de escritores a festivais e feiras ou axudar ás librarías a realizar actividades de difusión.
Catro citas máis no calendario
O circuíto das Feiras do Libro de Galicia 2021 está composto por 12 citas, catro máis que o pasado ano. A primeira delas será mañá en Ferrol e a continuación pasará por Santiago, O Porriño, Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro e Foz. A última das citas terá lugar no mes de agosto en Monforte de Lemos.
Ademais destas citas, o sector literario de Galicia tamén estará presente nas Feiras Liber, en Madrid, e de Frankfurt, previstas para o vindeiro mes de outubro.
Día do Libro nas bibliotecas
A sinatura deste convenio coincide coa véspera do Día internacional do Libro que a Xunta celebra cun amplo abano de actividades online abertas a toda a cidadanía co fin de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dándolle todo o protagonismo que merece. Nesta ocasión, incídese na importancia que tiveron os libros desde o inicio da pandemia, un tempo no que medraron os índices de lectura segundo un estudo do Consello da Cultura Galega. Co gallo desta efeméride, a Xunta desenvolve a campaña Grazas por non fallarnos nunca que reflicte precisamente o papel xogado neste ano.
Así, as bibliotecas, museos e arquivos xestionados polo Goberno galego contan estes días cunha programación que inclúe mostras, encontros, obradoiros, contacontos, concurso en redes sociais, publicacións ou recomendacións literarias.