Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche reforzará a seguridade nun 23 de abril sen Feira do Cabalo


En vésperas do 23 de abril, festivo local, o Concello de Moeche xa ten a punto o dispositivo para vixilar o cumprimento da normativa de seguridade e sanitaria nunha feira que, por segundo ano consecutivo, non irá acompañada do tradicional apartado ecuestre. Dadas as actuais circunstancias e para previr aglomeracións, tanto o Concello como a Asociación 23 de Abril acordaron non organizar a Feira do Cabalo, de maneira que o deste venres será un día de feira normal ao que poderán acudir unicamente os preto de 100 postos que teñen autorización anual ou semestral para asentaren en San Ramón. Ademais tampouco se permitirá a entrada de cabalos na nave do gando e cómpre recordar que a estrada provincial -onde habitualmente se desenvolvían as exhibicións e probas- estará aberta ao tráfico coma calquera outro día. Para asegurar un correcto desenvolvemento da cita, o Goberno local solicitou a colaboración das agrupacións de Protección Civil de Neda, de Valdoviño e das Pontes, así como o apoio da Garda Civil.

As modificacións nas restricións para as feiras que entrarán en vigor na medianoite de hoxe en pouco ou en nada lle afectan ao desenvolvemento da de Moeche, que estaría no suposto das que poderían albergar o total de postos e que, na práctica, non adoita sobrepasar o 75% dos que teñen autorización. O que si se controlará é que non asenten aqueloutros que acudían unicamente para o 23 de Abril, que en ocasións anteriores se distribuían en paralelo á estrada provincial desde máis arriba do Centro de Saúde ata case chegar a Pensos Pazo.

Por outra banda, e tal e como xa avanzou hai uns días o Concello, tampouco se autorizará o acceso de cabalos á nave do gando nin se habilitarán espazos especiais para eles, empezando pola propia estrada provincial -a rúa Cristo do Rañal-, onde non haberá valados nin ningún tipo de restrición ao tráfico.

“Todas e todos debemos ser conscientes de que, ao non haber Feira do Cabalo, a estrada estará aberta á circulación de vehículos, coma calquera outro día. Pregamos a máxima responsabilidade nese sentido e ademais a Garda Civil prestaralle especial atención a esa zona para evitar que se organicen carreiras ou exhibicións espontáneas que poidan agrupar público ou poñer en perigo o tráfico ou a quen veña facer a compra á feira”, insiste Beatriz Bascoy.

A rexedora lamenta que neste 2021 tampouco se poida celebrar a feira ecuestre e agradece de antemán a comprensión de todas as persoas afeccionadas “que quedarán outro ano máis sen poder gozar deste día, para moitas o máis importante no calendario. Neste momento o prioritario é conter a pandemia evitando aglomeracións, algo que a maioría de cabaleiras e cabaleiros comprenden”.

Polo demais, o Executivo local agarda que este 23 de Abril “atípico outra vez” se desenvolva con total normalidade “coa colaboración de todas e todos”. Recórdase, unha vez máis, que os grupos de persoas non poderán ser de máis de 6 non conviventes e que é obrigatorio o uso correcto da máscara. Tamén se incide en que cómpre manter en todo momento a separación interpersoal e que non se pode manipular o xénero exposto antes de mercalo.

No recinto haberá información abonda sobre as medidas de prevención básicas e tamén dispensadores de xel hidroalcólico. Por último tamén se pide que o público asistente respecte os aforos dos locais hostaleiros co obxectivo de cumprir a normativa e facilitarlles o traballo nun día en que, malia non haber Feira do Cabalo, promete ser concorrido.