· O concelleiro Medio Ambiente, Sergio Caamaño, mantivo hoxe unha reunión cos técnicos de Ecoembes.
· O Concello ten en vigor dous convenios coa entidade medioambiental: para incrementar os contedores de envases lixeiros e os de papel-cartón e para mellorar a recollida no sector HORECA.
O Concello de Camariñas rexistrou unha taxa de recollida de envases lixeiros do 14.10 quilos por habitante, unha cifra dous puntos superior á media galega que se sitúa nos 12,90 quilos por habitante e que é consecuencia dos esforzos que está a facer o goberno local nos últimos anos por mellorar a recollida selectiva de residuos no municipio.
O concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, mantivo hoxe unha reunión cos técnicos de Ecoembes, entidade medioambiental sen ánimo de lucro centrada na mellora do reciclaxe e do ecodeseño dos envases en España, que lle trasladaron os últimos datos do municipio neste sentido.
Ademais do incremento da recollida de envases lixeiros os veciños e veciñas de Camariñas tamén son cada vez máis conscientes do que vai en cada contedor xa que a taxa de impropios é moi baixa, de 21,63 quilos por habitante, mellorando así a media galega, de 26,2 quilos por habitante, e a española, que alcanza os 26,3 quilos por habitante.
Para contribuír a continuar con esta evolución positiva o Concello ten en vigor dous convenios coa entidade medioambiental: un para incrementar os contedores de envases lixeiros e os de papel-cartón e outro para mellorar a recollida no sector HORECA (Hostalería, Restauración e Catering). Este último xa conta con 24 establecementos adheridos aos que se lles fará entrega de pequenos contedores para ter no interior. Ademais, os responsables de Ecoembes farán outra ronda proximamente para visitar aqueles establecementos que estaban pechados cando se levou a cabo o primeiro contacto.