A AGASP forma unha media anual de 8.000 profesionais das forzas de seguridade e dos equipos de emerxencias
A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) converteuse nos case tres decenios que leva operativa nun referente na formación dos corpos de seguridade e emerxencias de Galicia, tal e como explicou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, nunha comparecencia no Parlamento de Galicia na que fixo balance da súa actividade.
Villanueva recordou que a AGASP creouse no ano 1992 para cubrir a carencia dunha formación “uniforme e homoxénea” dos membros das policías locais de Galicia e dos efectivos de emerxencias que operaban na comunidade autónoma, xa que ata ese momento, tanto os efectivos policiais e de emerxencias como os voluntarios de protección civil dependían na súa formación dos medios dos que dispoñía cada concello.
O centro, con sede central na Estrada, comezou formando á Policía Local e aos axentes da Unidade de Policía adscrita á Xunta de Galicia, pero a partir do ano 2015, logo de asinar un convenio co Ministerio de Interior, pasou a ocuparse tamén da formación dos axentes da Garda Civil e da Policía Nacional que traballan en Galicia, “pechando o círculo da formación de todo o persoal da seguridade pública e convertendo a Academia no lugar de encontro, formación e sinerxías de traballo en equipo”.
No ano 2017 deuse un novo paso asumindo os procesos de selección dos corpos das policías locais de Galicia, facéndose cargo a Xunta de todos os custes e liberando os concellos da súa xestión.
A AGASP consolidouse como un referente en toda España e foi ampliando de ano en ano a súa oferta formativa, tendo na actualidade unha media de 800 alumnos anuais.
Actividade na pandemia
O confinamento e a pandemia non podían paralizar a actividade da Academia cando máis necesaria se facía a axuda dos corpos policiais e de emerxencias ao conxunto da poboación, polo que o servizo formativo presencial reconverteuse nun centro de formación en liña con máis de 7.000 horas lectivas nas que se titularon 3.131 alumnos na área da seguridade.
Superados os meses de confinamento, a Academia dotouse de todas as medidas de seguridade fronte á covid para formar á 12ª promoción da Policía Local, a máis numerosa da súa historia, con 134 alumnos. O ano pasado tamén se formou no centro a máis numerosa promoción de mandos da Policía Local, con 34 alumnos.
Obxectivos para o 2021
Con todos os protocolos necesarios para garantir a seguridade nas súas instalacións, o centro irá retomando a formación presencial pero sen renunciar ás clases en liña, coa previsión de formar no 2021 na área de seguridade a 97 alumnos da 13ª promoción da Policía Local e a unha nova promoción de mandos, ademais de realizar 67 cursos en liña, con 4.500 prazas ofertadas e 9.000 horas lectivas. Na área de emerxencias está previsto realizar 154 cursos que se desenvolverán en 4.471 horas lectivas e para os que se ofertan 3.950 prazas.