A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación desta actividade que conta cunha axuda ao abeiro do programa “O Teu Xacobeo” de 25.000 euros
O Centro Internacional de Acollida ao Peregrino acolleu esta mañá a presentación da segunda edición da Semana Escolar dos Camiños de Santiago, unha iniciativa enmarcada no programa O Teu Xacobeo á que a Xunta de Galicia destina unha axuda de 25.000 euros.
A iniciativa, que se desenvolverá entre o 26 e o 30 de abril, contará coa participación de preto de 20.000 escolares de Galicia de 4º, 5º e 6º de primaria pertencentes a 281 centros públicos de máis dun cento de concellos. Unha participación que supón máis do 50% dos centros de educación primaria da comunidade que se inscribiron de xeito voluntario para participar nesta iniciativa, coa que se busca achegar ao mundo do ensino material que poña en valor a relevancia histórica, patrimonial e cultural do Camiño de Santiago.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que foi recibida polo responsable da Oficina Internacional de Acollida ao Peregrino, Segundo Pérez, participou na presentación acompañada de 25 alumnas e alumnos do CEIP Lamas de Abade de 4º de Primaria e de Xosé Antonio Perozo, o autor do conto ilustrado que o alumnado terá de base para inspirar os seus traballos. Tal e como destacou Nava Castro, “o noso obxectivo é difundir a importancia e o espírito do Camiño a todos os recunchos da xeografía galega, facendo máis ampla a celebración deste Ano Santo tan especial, tamén no ámbito escolar, achegando material didáctico sobre o patrimonio natural, cultural, social e histórico do Camiño de Santiago que permita poñer en valor a súa importancia e proxección”.
O conto ilustrado que terán os alumnos de base nesta edición, titulado Sucedeu no Camiño Primitivo e que chegará en maio ás librerías, recolle a viaxe fundacional das peregrinacións a Compostela desde Oviedo, realizada no século IX polo rei Afonso II o Casto. A obra de Perozo segue a unha parella de investigadores, moza e mozo, que deciden repetir a andaina e comparar o pasado medieval coa realidade presente, o que permitirá que os máis pequenos afonden neste itinerario menos coñecido do Camiño de Santiago.
A iniciativa rematará o 30 de abril cun acto de presentación dos traballos, a estrea do Gran Mural dos Camiños e unha serie de actuacións vencelladas coas actividades desenvolvidas polo alumnado de todo o territorio galego.