Inés Rey: “Mantemos o noso compromiso de non deixarmos a ninguén atrás e poñermos en marcha todos os mecanismos necesarios para atender, en condicións seguras, as persoas máis vulnerables”
A Xunta de Goberno Local autorizou esta mañá a sinatura do convenio para que a institución benéfica Padre Rubinos lle ceda ao Concello a súa antiga sede en Labañou por un prazo de 25 anos. A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que coa sinatura deste acordo “damos o primeiro paso para que as instalacións se convertan nun centro de baixa esixencia, co fin de atender as persoas sen fogar e en situación de vulnerabilidade”. O Goberno local realizará unha reforma do inmoble, que se financiará cunha partida de 523.000 euros procedente dos fondos europeos EIDUS e con achegas municipais.
Este centro, apuntou a alcaldesa, é de vital importancia para a cidade desde que se pechou o centro Abeiro, aberto polo anterior executivo, que non contaba coa autorización da Xunta e onde se puxo en risco tanto o persoal traballador como as persoas usuarias ao non estar adaptado a legalidade. “Este Goberno mantense firme no seu compromiso de non deixar a ninguén atrás ao pór en marcha todos os mecanismos para atender as persoas máis vulnerables e facelo en condicións seguras”, dixo a rexedora.
MERCADO DE SANTO AGOSTIÑO
Tras anos de parálise, o Concello está a impulsar a remodelación dos mercados municipais e a súas contornas con distintas actuacións. Neste caso, a Xunta de Goberno Local aprobou a contratación das obras para poder levar a cabo a urbanización do espazo exterior do mercado de Santo Agostiño. Nas obras investiranse máis de 800.000 euros a través do Fondo Europeo FEDER. Os traballos teñen un prazo de execución de nove meses. As obras inclúen a implantación dunha plataforma única e a reforma de toda a pavimentación das rúas, nunha clara aposta por unha mobilidade sustentable e garántese a accesibilidade da veciñanza, redúcese a presenza dos vehículos e mais dáselles prioridade ás persoas.
Esta actuación súmase a outros proxectos que está desenvolvendo o Goberno municipal, como os mercados de Durmideiras, Santa Lucía e Monte Alto.
CIDADE DAS TIC
Hoxe tamén se aprobou a compra ao Ministerio de Defensa dos terreos do club social e do estacionamento situados no recinto da Fábrica de Armas, para construír instalacións deportivas por un millón de euros, co obxectivo de que poidan ser utilizadas pola veciñanza da zona. “Esta medida responde ao compromiso absoluto do Goberno local coa Cidade das TIC; un proxecto esencial para o desenvolvemento industrial e tecnolóxico da cidade e da comarca e para a creación de emprego“, dixo Rey. O Goberno local levará a cabo a construción das vías, a elaboración dun plan de mobilidade e transporte público e a habilitación de servizos básicos.
URBANISMO
No ámbito do Urbanismo, a Xunta de Goberno Local deulles luz verde ás licenzas para rehabilitar o edificio da farmacia Villar, na rúa Real, e para recuperar a fachada modernista dun edificio situado na praza de Lugo, nunha clara aposta do Goberno local pola rehabilitación e o mantemento do patrimonio arquitectónico.
Tamén se autorizou unha modificación dos investimentos da participación do Concello no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal POS+2021.
Así, utilizaranse as achegas provinciais destinadas a mellorar a eficiencia enerxética no barrio de Monte Alto para desempeñar os traballos de construción dunha rede de saneamento na rúa Salzburgo e na rúa Roma, por importe de 289.336 euros. O cambio vén motivado pola próxima licitación dun contrato de servizos enerxéticos que incluirá investimentos para mellorar a eficiencia enerxética da iluminación de toda a cidade.
E, por último, adxudicouse o servizo de salvamento, socorrismo, vixilancia e transporte sanitario nas praias da cidade, por un importe de 438.262 euros.