A alcaldesa anunciou que se celebrará o 5 de maio en María Pita e lembrou que desde o cumio do 23 de febreiro solucionáronse problemas de máxima importancia: “Conseguimos aliviar a situación financeira da Autoridade Portuaria, cunha moratoria para o pago da débeda ata o ano 2035, e logramos tamén algo
que ata agora semellaba imposible, o compromiso de licitación da conexión ferroviaria a Langosteira, unha actuación cun orzamento de 140 millóns de euros e que supón o maior investimento do Estado na Coruña en 20 anos”
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá en rolda de prensa a convocatoria da primeira reunión da Comisión Interadministrativa do Porto da Coruña: “As administracións implicadas neste gran proxecto estarán en María Pita o vindeiro 5 de maio co obxectivo de definir as liñas para a integración dos peiraos na cidade”.
Tal e como se acordou o 23 de febreiro, será a Comisión Interadministrativa o foro no que cada unha das partes implicadas presente as súas propostas co fin de chegaren a un consenso que permita a integración do porto cos criterios de maior calidade. Rey sinalou que “a creación da devandita comisión era un dos compromisos establecidos no cumio do pasado 23 de febreiro, ao que acudiron, por primeira vez en 17 anos, todos os actores involucrados no futuro do Porto”. A rexedora asegurou que nos dous meses transcorridos desde aquela cita solucionáronse problemas de máxima importancia: “Conseguimos aliviar a situación financeira da Autoridade Portuaria, cunha moratoria para o pago da débeda ata o ano 2035, e logramos tamén algo que ata agora semellaba imposible, o compromiso de licitación da conexión ferroviaria a Langosteira, unha actuación cun orzamento de 140 millóns de euros e que supón o maior investimento do Estado na Coruña en 20 anos”, dixo.
Rey manifestou que “é o momento de sentarse con serenidade a falar de algo esencial para esta cidade, algo que non podemos equivocarnos, definir como queremos que sexa o futuro da fachada marítima”. E co tren garantido, apuntou, despéxase o horizonte para a integración dos peiraos na cidade. “Hoxe damos un paso máis cara esa adhesión sentando de novo ás partes implicadas para delimitar os usos que queiramos darlle aos peiraos”.
A rexedora declarou que todas as partes teñen o compromiso de pechar as negociacións cun protocolo, que deberá estar listo en seis meses e que será a base para a substitución dos convenios do 2004 por un novo acordo que defina as obrigas de cada un dos actores. Lembrou que a vixencia destes convenios “quedou obsoleta”. “O pasado 23 de febreiro botamos a andar un proxecto ilusionante que levaba parado case dúas décadas. Seguimos dando pasos firmes, que teñen que levarnos a unha solución definitiva e consensuada para a que teremos en conta as aportacións de todas as partes”, concluíu a alcaldesa.