Gonzalo Trenor explicou que as obras previstas suporán un salto de calidade no confort para o alumnado con espazos máis ventilados e máis eficientes desde o punto de vista enerxético
A Xunta de Galicia vai acometer unha rehabilitación integral do CPI Alcalde Xosé Pichel en Coristanco, cun investimento de máis de 664.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros. Este centro conta con 314 alumnos e ten un equipo de persoal docente de 42 profesores.
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, desprazouse esta mañá a Coristanco para visitar as instalacións do colexio, onde mantivo unha reunión co equipo directivo para informar da licitación, no día de hoxe, da actuación que se vai levar a cabo e que ten como obxectivo principal a mellora do illamento térmico e da eficiencia enerxética, a reforma do pavimento no patio cuberto e a renovación dos baños.
No que atinxe á eficiencia enerxética, o proxecto inclúe a substitución da cuberta do comedor e da biblioteca por outra de panel de sandwich, a substitución das carpinterías exteriores por aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e a colocación dun novo illamento exterior tipo SATE nas fachadas.
En canto ao resto de melloras, vaise a proceder á substitución de todo o pavimento do patio cuberto porque se atopa en mal estado e a renovación dos baños do colexio incluíndo a instalación dun baño adaptado.
Segundo explicou o representante do Goberno autonómico esta importante actuación ten por obxectivo primordial mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia do Goberno galego que neste momento se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento.
Este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas.
Precisamente a este reto responde a rehabilitación integral que se vai acometer no CPI Alcalde Xosé Pichel.
Infraestruturas ao servizo dos retos educativos
Trenor lembrou que a Xunta ten “a obriga e a responsabilidade de coidar a máximo os centros educativos, xa que é o lugar onde os nosos fillos pasan a meirande parte do seu tempo, e non só para a adquisición de coñecementos, senón onde interactúan cos seus compañeiros, onde xogan e onde aprenden a socializar”.
Neste senso, sinalou a importancia de que todas as novas actuacións en infraestruturas escolares –ben sexan de nova construción ou ampliacións e reformas- fagan especial fincapé no deseño de espazos abertos e multifuncionais que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. Isto é, “un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid onde a arquitectura teña unha orientación educativa, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos”, incidiu o delegado da Xunta.
Así, a nova arquitectura educativa institucional vai reforzar os colexios na transformación dixital (con polos creativos e espazos maker, entre outros), na aposta pola inclusión (con espazos máis amplos e saudables, que garantan a accesibilidade e a inclusión de todos os seus usuarios), e no especial deseño de patios e pistas multideporte, máis sostibles desde o punto de vista medioambiental, e integrados na contorna onde se inxiren.