O equipo deste departamento vén de elaborar un informe sobre as actividades realizadas este último exercicio
O Concello de Lousame mantivo a súa actividade cultural ao longo do 2020 cunha firme aposta polos recursos dixitais e polo uso das novas tecnoloxías da información. A concellaría de Cultura elaborou un informe sobre as actividades organizadas e executadas dende este departamento, que se adaptou ás circunstancias sociais derivadas da pandemia da Covid-19 para xerar contidos culturais para o público familiar. Ao longo do 2020 creáronse numerosos recursos gratuítos que foron difundidos a través da web, dos perfiles en redes sociais e da APP do Concello.
Dende estas canles difundíronse e promocionáronse eventos culturais dixitais, acceso a museos, concertos, sesións de ballet, conferencias e charlas, cursos formativos sobre diferentes temáticas, acceso a libros e audiolibros, xogos populares, actividades para nenos e nenas, creatividade, idiomas e vídeos editados polo Concello.
Asemade, no 2020 adquiríronse novidades bibliográficas e melloráronse as coleccións da Biblioteca Municipal, realizáronse actividades de dinamización da lectura, e desenvolvéronse programas da Rede Cultural –maxia, lingua a escena, escena ao vivo, visións, teatro, alicerce e monicreques-.
Durante o mes de agosto tivo lugar o campamento para nenos e nenas, Infantilandia, e dende ese mes ata outubro houbo sesións de autocine, espectáculos de teatro e concertos.
Pola súa banda, as asociacións culturais locais Son do Pote, Prudencio Romo e C.L.D. tamén recibiron subvencións durante este período para manter a súa actividade.
Felicitacións dixitais
Co obxectivo de facilitar a situación do confinamento aos máis cativos, dende o departamento de Cultura puxeron en marcha un sistema para felicitarlles o aniversario dixitalmente. Así, todos aqueles nenos e nenas que estiveron de aniversario durante o confinamento recibiron tarxetas personalizadas e, incluso, vídeos de felicitación.
Día das Letras Galegas
O Día das Letras Galegas de 2020 foi atípico e moi diferente aos celebrados nos últimos anos, pero dende o Concello de Lousame quixeron manter o seu compromiso coa cultura, polo que deseñaron diferentes recursos sobre as figuras de Carvalho Calero e Cernadas. Por tanto, en redes sociais compartiron a biografía, obra e o epistolario de Carvalho Calero, e compuxeron unha unidade didáctica para que os nenos e nenas puidesen aprender máis sobre a súa figura dende unha perspectiva lúdica. Ademais fíxoselles chegar un libro dos Bolechas e proxectouse en redes un contacontos en directo.