A proposta de inclusión presentada polo Goberno galego acaba de ser aprobada esta mañá na reunión do Consello de Ministros
O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia entra na Lista Ramsar, a Listaxe de humidais de importancia internacional. A Xunta de Galicia, polo tanto, celebra que a súa proposta de inclusión acabe de ser ratificada esta mañá por parte do Consello de Ministros na súa reunión semanal.
O Parque Nacional cumpre con varios criterios que se fixan para a identificación deste espazo como humidal de importancia internacional, como é o feito de ser un exemplo representativo, raro e único, grazas á extensa rede de furnas mariñas que se localizan nas illas Cíes e Ons.
Asemade, a gran espectacularidade paisaxística, descrita como un paisaxe de mar e pedra, defíneo como un espazo excepcional cun elevado valor faunístico e florístico, no que está confirmada a presenza de case 1.500 taxóns: 416 de flora, dos que un 61% (254) son algas, e 1.076 de fauna, dos que un 79% (851) son invertebrados.
Tamén sustenta poboacións de especies vexetais e/ou animais importantes para manter a diversidade biolóxica, destacando unha particular abundancia de aves acuáticas e unha relevante diversidade de peixe, mariscos e outros invertebrados acuáticos.
O Parque Nacional, formado polas illas Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora, integra unha variada vexetación, coa presenza dun mínimo de 7 especies de flora vascular asociadas a humidais ameazados e 34 endemismos, algúns exclusivos.
Este espazo tamén destaca pola súa fauna, onde se constata a presenza de 52 especies (48 vertebrados e 4 invertebrados), salientando os grupos de peixes e de aves. Así, o humidal proposto pola Xunta alberga de xeito regular un 1% dos individuos dunha especie en dous casos: a gaivota patiamarela (Larus michahellis) e o cormorán moñudo (Phalacrocorax aristolelis).
O Parque, que ten unha superficie de 8.480 hectáreas -das cales un 86% se corresponden con superficie mariña-, é tamén unha Área protexida do Convenio para a protección do medio ambiente mariño do Atlántico Nordeste (Ospar) e espazo Rede Natura 2000.
Na actualidade, a Lista Ramsar inclúe máis de 2.000 humidais de todas as rexións do mundo e que suman unha superficie de máis de 200.000.000 hectáreas. A Lista Ramsar é unha inventario de prestixio, xa que integra as zonas húmidas máis importantes do mundo desde o punto de vista do seu interese ecolóxico e para a conservación da biodiversidade.
Axudas para a conservación do Parque Nacional
Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas, con cargo aos orzamentos xerais do Estado, para a área de influencia socioeconómica do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, por un importe de case 150.000 euros para o ano 2021.
Coa convocatoria destas axudas quere contribuírse ao desenvolvemento socioeconómico da poboación sita no ámbito de influencia do Parque, co fin de equilibrar os usos e actividades permitidos e o crecemento económico da zona de influencia socioeconómica, sen perder un ápice dos obxectivos de conservación.
Os beneficiarios destas subvencións son as entidades locais, as entidades empresariais e as persoas particulares e asociacións sen fin de lucro que se localicen nos catro concellos da área de influencia. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, a contar a partir de mañá.