Saturday 16 de November de 2024

O novo prego do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria contempla a renovación de todos os contedores, novas ubicacións e tecnoloxía intelixente para evitar desbordamentos


A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, presentou hoxe en rolda de prensa os detalles do novo prego que rexerá o servizo de recollida de lixo e limpeza viaria. O documento, que foi aprobado onte en Xunta de Goberno e será publicado hoxe no portal do provedor, recolle importantes novidades como a renovación de todos os contedores da cidade, novas ubicacións, maiores frecuencias de recollida e un sistema que permitirá controlar o enchido para evitar desbordamentos. Así mesmo, prestarase unha especial atención á recollida de biorresiduos coa implantación dun quinto colector, o marrón.

Segundo sinalou a concelleira, “o novo contrato busca optimizar os servizos que ata o momento se viñan prestando, de xeito que se ofrecen maiores garantías en canto á calidade da prestación e satisfacción da veciñanza”. De feito, salientou, “contemplánse sistemas de control de calidade da prestación do servizo”.

O novo contrato que agora se licita divídese en dous lotes: o primeiro dedicado á recollida de residuos (salvo papel, cartón e vidro), limpeza viaria e subministración e mantemento dos contedores; e un segundo, reservado a centros especiais de emprego, que rexerá a recollida de residuos de papel e cartón, así como o mantemento dos colectores respectivos.

“Préstase unha especial atención á recollida selectiva de biorresiduos (materia orgánica) a través da implantación dun quinto contedor, o marrón”, indicou Mila Castro, que tamén incidiu na importancia que o novo servizo dará á compostaxe, tanto individual como colectiva.

Unha das novidades do prego radica na incorporación de diversas tecnoloxías smart orientadas á optimización da recollida, que se implementarán tanto nos medios materiais do servizo como nos sistemas de control da prestación, “de xeito que en calquera momento se poida verificar, por exemplo, o nivel de enchido dos contedores, as frecuencias de recollida ou a ubicación dos vehículos”. A frecuencia de recollida dependerá dese nivel de enchido que, “non poderá superar o 75% da capacidade do colector para evitar desbordamentos”.

Establécense previsións individualizadas para cada área do Concello, “deste xeito hai previsións específicas para a cidade histórica, Ensanche, zonas periurbanas e ámbito rural, así como escenarios singulares nos que se planteen necesidades puntuais que atender”.

Renovación de contedores, maquinaria e flota
O prego contempla o cambio de todos os contedores, o incremento naquelas zonas nas que se precisen e novas ubicacións. Tamén se prevé a renovación de toda a maquinaria e da flota, que incorpororá dous vehículos satélite de dimensións reducidas para os percorridos pola cidade histórica. “Irán revisando ao longo da xornada as necesidades de recollida que haxa en cada momento”, precisou a concelleira que engadiu que se incorporarán vehículos eco ou de cero emisións.

Outra novidade do prego radica na implantación dun sistema de recollida de residuos domésticos na zona vella “de quita e pon”. Serán puntos de recollida móbiles que “estarán nuns determinados espazos e nunhas determinadas horas”. No Ensanche prevese a recollida porta a porta da fracción orgánica para grandes produtores como supermercados ou restaurantes.

Mantéñense os dous puntos limpos fixos (no Tambre e Piñor) e os móbiles. Neste caso, os licitadores poderán facer as melloras que consideren oportunas no que respecta ás rutas e lugares para o emprezamento dos puntos limpos móbiles.

Duración e importe
O novo contrato terá unha vixencia de 10 anos, sen posibilidade de prórroga, e contará cun importe de licitación desglosado por lotes de 99.447.383,20 euros (lote I) e 4.586.521,50 euros (lote II).

O segundo lote, que rexe a recollida de papel e cartón, resérvase a centros especiais de emprego ou empresas de inserción social. A recollida axustarase aos nives de enchido e incluirase o servizo porta a porta comercial, con especial atención ao Ensanche. Segundo sinalou a concelleira, o “horario de recollida terá a frecuencia suficiente pero sen entorpecer a dinámica comercial e do tráfico rodado”. En calquera caso, “terá frecuencia diaria”.

Mila Castro recalcou que estes pregos “definen uns mínimos indispensables que os licitadores terán que tomar como punto de partida para a preparación das súas ofertas”. Así mesmo, lembrou que “o Concello, como administración pública que é, ten moita responsabilidade que afrontar en materia de residuos o que esixe un esforzo continuado”