Saturday 16 de November de 2024

Os nenos e nenas da gardería municipal de Brión comezan a elaborar os seus disfraces de Entroido con materiais reciclables


Contan coa axuda dos seus pais e nais, que durante esta semana poden se achegan pola gardería a colaborar

A gardería municipal de Brión iniciou hoxe os preparativos de cara ao seu gran desfile de Entroido, que terá lugar o venres 13 de febreiro. Así, os máis de setenta nenos e nenas, repartidos nas súas correspondentes aulas, comezaron a traballar na elaboración dos seus disfraces de entroido, feitos todos eles con materiais reciclables.

Unha actividade na que contaron coa axuda das súas mestras e tamén coa colaboración dalgúns pais e nais que, durante esta semana, se achegan durante as mañás para colaborar cos pequenos na elaboración dos seus traxes. “Trátase de facer unha actividade máis para implicar aos pais e nais no día a día da gardería, contactar con eles e intercambiar impresións”, explica Dolores Campos, directora da escola infantil municipal de Brión.

A temática deste ano serán os contos infantís, polo que dende as 10:00 horas varios pais e nais se achegaron a colaborar cos seus fillos ben pintando, ben debuxando e, sobre todo, recortando os distintos materiais para elaborar os distintos disfraces. Uns traxes que lucirán durante o desfile e a festa de disfraces do próximo venres 13 de febreiro.