O acto central será a mostra que viaxará de Madrid á Coruña, con máis de 200 pezas e que se exhibirá no Kiosco Alfonso do 22 de outubro ao 18 de decembro
Galicia impulsará este ano unha programación extensa, variada e plural para conmemorar o centenario de Emilia Pardo Bazán con máis de 40 actividades que terán como acto central a exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade. Trátase da mostra levada a cabo pola Xunta, a Biblioteca Nacional de España (BNE), Acción Cultural Española (AC/E) e a Comunidad de Madrid en colaboración coa Real Academia Galega (RAG) e o Concello de Coruña que se exhibirá na Coruña do 22 de outubro ao 18 de decembro tras o seu paso por Madrid e que reunirá máis de 200 pezas entre manuscritos, libros impresos, gravados e fotografía, entre outros.
Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nun acto no que tamén interviron de xeito presencial ou por videoconferencia representantes das institucións participantes Trátase dunha programación que nace da implicación e compromiso de máis dunha trintena de institucións e entidades de Galicia, do resto de España e de Estados Unidos que colaboran na posta en marcha das actividades para pór en valor a figura de escritora durante este ano.
“Estamos, sen dúbida, ante unha das mellores escritoras da literatura española. Por iso, desde a Xunta en colaboración con numerosas institucións despregamos unha ampla programación que nos permitirá dar a coñecer na súa xusta dimensión a figura polifacética desta gran escritora galega”, expresou o representante de Cultura da Xunta.
Nestas actividades, a mostra Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade será a gran iniciativa do centenario que permitirá achegarlle á sociedade a modernidade dos retos literarios, intelectuais, persoais e políticos de Pardo Bazán así como a súa dimensión europea “sen esquecer a pegada que deixou en Galicia”, indicou Román Rodríguez, na rolda de prensa na que tamén participaron, entre outros, María del Carmen Colmeiro y Rojo, condesa de Pardo Bazán; Ana Santos Aramburo, directora da Biblioteca Nacional de España; Daniel Martínez, viceconselleiro da Comunidad de Madrid, ou Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega.
De Sargadelos ao Museo do Romanticismo
Comisariada pola catedrática de Historia Contemporánea da Universidade de Valencia e Premio Nacional de Historia, Isabel Burdiel, a exposición rende homenaxe a unha muller adiantada ao seu tempo, que participou en actividades, debates e tarefas intelectuais e literarias naquel momento reservadas para homes, ademais de ser unha firme defensora da educación da muller. A súa vinculación coa cidade da Coruña, na que naceu, levou á Xunta a elixila como sede da exposición no territorio galego en colaboración co concello e previamente poderá visitarse na Biblioteca Nacional de España do 9 de xuño ao 26 de setembro.
Incluirá materiais procedentes de diversos lugares do territorio do Estado e, ademais da BNE, colaboran na achega dos fondos 19 particulares e entidades como a Real Academia Galega, Sargadelos, o Museo Nacional do Teatro de Almagro, o Museo do Romanticismo, a Real Academia Española ou o Ateneo Científico, Literario e Artístico de Madrid, entre outras. Trátase, expresou o representante de Cultura da Xunta, dunha exposición clave que integra a programación coa que Galicia “visibilizará o carácter pioneiro da escritora no eido do feminismo, xornalismo ou a historia”.
Exposición de rúa en todas as cidades
Así, xunto a esta exposición, as conmemoracións incluirán catro mostras máis como Cen anos sen Emilia, unha acción de rúa que itinerará por distintas cidades de xuño a setembro para divulgar a súa obra ou a que se poderá ver no Museo de Belas Artes da Coruña en outono con obxectos doados pola súa familia que pertenceron á escritora como manuscritos do século XIII, retratos do século XVIII e XIX, así como varias pezas artísticaos e decorativas datadas entre os séculos XIII e XIX como tapices, alfaias, misais, escribanías, entre outros.
En novembro, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, porá en valor o traballo da autora, cunha escolma bibliográfica das súas pezas máis senlleiras e representativas. Estas exposicións súmanse á xa celebrada en colaboración co Ateneo de Santiago e a Universidade de Santiago para analizar a pegada de Pardo Bazán na cidade de Santiago de Compostela.
Reflexión desde o mundo académico
Durante o acto, tamén participaron Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade; Juan Ignacio Borrego, primeiro tenente de alcalde da Coruña; Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña e José Manuel González Herrán, profesor da Universidade de Santiago, que puxeron de manifesto que o centenario tamén incluirá dous congresos internacionais en colaboración coas tres universidades galegas.
Trátase de Emilia Pardo Bazán no seu Centenario: Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI, organizado pola Universidade da Coruña e a Fundación Barrié, que se celebrará en setembro, e Emilia Pardo Bazán, cen anos despois, co apoio específico da RAG e o Consello da Cultura Galega, así como outras entidades internacionais como o Brooklyn College da City University of New York e que está programado para outubro. No marco da efeméride, a Xunta tamén edita este ano varias publicacións de distinta natureza e alcance e colabora coa Editorial Galaxia ou a Asociación de Prensa da Coruña para outras edicións.
Divulgación nas Bibliotecas da Xunta
Ademais, levaranse a cabo máis dunha trintena de actividades de difusión en redes, nos arquivos e na rede de bibliotecas públicas que achegarán a figura da intelectual a todos os públicos. Incluiranse accións orientadas aos máis novos como contacontos ou obradoiros de ilustración e formatos como faladoiros destinados a público especialista.
Memoria dixital de Pardo Bazán
Román Rodríguez recordou tamén que se emprenderá un importante traballo de divulgación e promoción da súa obra nas plataformas dixitais. Así, lanzarase un novo micrositio con 85 das súas obras dixitalizadas o que supón que se porá a disposición do público unhas 1.700 páxinas das obras da autora. Estará dispoñible desde o mes de maio e poderá consultarse en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia. A Biblioteca de Galicia tamén editará 17 publicacións dixitais inéditas ata o momento, convertidas en formato libro electrónico e que non estaban dispoñibles en ningunha institución española.