Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño recupera as xornadas “Apostando polo sector primario”


As charlas desenvolveranse na Casa da Cultura a mediados de maio con aforo limitado e inscrición previa

O ano pasado programáronse unhas xornadas técnicas ao redor do sector primario que se ían desenvolver a finais de agosto substituíndo a Feira Rural. Ao final non puideron facerse pola repunta da pandemia e agora o Concello recupéraas pasándoas para a fin de semana do 14, 15 e 16 de maio na Casa da Cultura. Nelas falarase de desenvolvemento rural, de novas tecnoloxías, de diversificación produtiva e de apicultura. Cada unha das charlas terá o aforo limitado a un máximo de 25 persoas. Fará falla inscrición previa a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Pódese reservar para unha, para dúas ou para as tres sesións previstas, aínda que terán prioridade as persoas empadroadas en San Sadurniño e as socias das entidades que colaboran na organización: a Asociación Galega da Froita Autóctona, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Asociación Casa do Mel. Vexamos os contidos de cada día.

A primeira das sesións desenvolverase o venres 14 de maio, de 18.30 a 20.30h., co título “LAR, 30 anos a medrar na aldea”. A charla permitiranos coñecer a experiencia do Lar do Acivro, unha granxa artesanal nacida ao abeiro da Casa de Familia que Asociación Fogares Lar ten en marcha en Muimenta desde 1989. Alí crían animais -porco celta, galiña de Mós, galiña Piñeira, etc.- e tamén manteñen unha pequena horta, como parte da acción socioeducativa que desenvolven como fogar para menores baixo tutela da Xunta. Todo o excedente producido reinvístese no centro, que ademais lle ofrece á rapazada unha
visión transversal sobre as posibilidades do medio rural.

Ao día seguinte, o sábado 15 de maio, teremos ponencias pola mañá e pola tarde. Na da mañá, de 10.00 a 12.00h., saberemos de Arela Comunicación Sostible, unha iniciativa impulsada por catro persoas mozas dun entorno rural que atoparon na tecnoloxía unha oportunidade para non ter que marchar. Traballan en estratexias de comunicación e na adaptación de negocios á era 2.0, ben como xeito de comercialización dos seus produtos ou como maneira de posicionalos nun mercado global. O nome da sesión é “Cos pés na terra e traballando na nube” e dela encargarase David Lourido, un dos promotores deste novidoso proxecto empresarial vencellado ao rural.

Á tarde, entre as 16.30 e as 18.30h. poderemos asistir á charla “A experiencia dos cultivos Miñotos”. Desa experiencia falarannos Juan Ángel Pérez e Antonio Tartaglione, dous dos membros da SAT Vivaz Plant da localidade pontevedresa de Tomiño. Esta sociedade agraria recuperou leiras abandonadas e púxoas a producir mazá, aguacate, fabas ou cánabo, entre outras plantacións. Nos últimos dez anos o proxecto consolidouse, ampliou o número de persoas socias e é exemplo de éxito no aproveitamento do potencial que ten a zona do Baixo Miño. A clave do seu éxito está sendo a diversificación agraria e a atención aos mercados de proximidade. Unha filosofía que tería encaixe na nosa zona, traballando por exemplo a horta ou a froita. De feito, o obxectivo desta charla é facerlle ver esa posibilidade á mocidade ou ás persoas que teñan terras abandonadas e queiran poñelas a producir.

Esta fin de semana de aposta polo sector primario rematará o domingo 16 de maio coa charla “Sanidade apícola en explotacións profesionais”, que se desenvolverá das 10.00 ás 12.00h. impartida por Carlos Marín Barcáiztegui, veterinario especializado en apicultura. O experto afondará sobre o problema da varroase mencionando os sistemas de diagnose e os puntos críticos do seu tratamento. Alén disto tamén comentará as principais enfermidades da cría das abellas, así como as estratexias para previlas. Na segunda parte do seu relatorio, aproximadamente ás 11.00 h., abordará os aspectos máis salientables que cómpre ter en conta na xestión dunha explotación profesional ou que pretenda avanzar cara a esa profesionalización.

Para estas tres xornadas do ciclo “Apostando polo sector primario” xa se pode ir reservando praza. A cada unha das charlas poderá asistir un máximo de 25 persoas, salvo que para daquela se produzan cambios nos niveis de restrición que permitan ampliar a capacidade máxima da Casa da Cultura”. Pola contra, se a situación sanitaria fose peor, o Concello tamén podería suspender a súa celebración. En calquera caso, as inscricións, que son gratuítas, hai que facelas a través do teléfono 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal.