Román Rodríguez explicou que as obras licitadas hoxe suporán un salto de calidade no confort para alumnado, con espazos máis accesibles, mellor ventilados e máis eficientes desde o punto de vista enerxético
A Xunta de Galicia vai acometer unha rehabilitación integral do colexio CEIP San Marcos, de Abegondo, cun investimento de 820.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas características construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con 191M€.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, xunto co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, desprazouse esta mañá a Abegondo para visitar as instalacións do colexio, onde tivo ocasión de intercambiar opinións co equipo directivo, ao que informou de xeito pormenorizado da actuación que vai levar a cabo o seu departamento e que ten como eixos principais a mellora do illamento térmico, da eficiencia enerxética e da accesibilidade.
No que atinxe á eficiencia, o proxecto inclúe a substitución da totalidade da cuberta actual por outra de panel sandwich, a substitución das carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo, a colocación dun novo illamento exterior tipo SATE nas fachadas e a instalación de iluminación tipo LED tanto no edificio orixinal como nas ampliacións do mesmo.
Novo espazo para a biblioteca
En canto ás melloras de accesibilidade, vaise proceder á reforma das rampas de acceso ao edificio orixinal, e tamén dos aseos. Así mesmo, acondicionaranse dúas aulas para a instalación do novo espazo de biblioteca, cunha mellor ventilación e iluminación natural; e instalarase a aula de orientación no espazo que ocupaba o antigo almacén.
Segundo explicou Román Rodríguez, todas estas obras teñen un obxectivo primordial que é mellorar o confort dos máis de 300 alumnos e do plantel de profesorado que cada día interactúan neste centro “tanto desde o punto de vista académico como medioambiental e de accesibilidade”, que van en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que o Goberno galego, un documento que nestes momentos se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento.
Román Rodríguez explicou que este plan “supoñe avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas”.
Precisamente a este reto responde a rehabilitación integral que se vai acometer no CEIP San Marcos, unha actuación que se licita hoxe mesmo co obxectivo de que as obras dean comezo neste verán e poidan estar totalmente finalizadas antes de que remate o ano.
Infraestruturas ao servizo dos retos educativos
O conselleiro explicou que a Administración ten “a obriga e a responsabilidade de coidar a máximo os centros educativos, xa que é o lugar onde os nosos fillos pasan a meirande parte do seu tempo, e non só para a adquisición de coñecementos, senón onde interactúan cos seus compañeiros, onde xogan e onde aprenden a socializar”.
Neste senso, sinalou a importancia de que todas as novas actuacións en infraestruturas escolares -ben sexan de nova construción ou ampliacións e reformas- fagan especial fincapé no deseño de espazos abertos e multifuncionais que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. Isto é, “un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid onde a arquitectura teña unha orientación educativa, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos”, abondou o conselleiro.
Así, a nova arquitectura educativa institucional vai reforzar os colexios na transformación dixital (con polos creativos e espazos maker, entre outros), na aposta pola inclusión (con espazos máis amplos e saudables, que garantan a accesibilidade e a inclusión de todos os seus usuarios), no especial deseño de patios e pistas multideporte, máis sostibles desde o punto de vista medioambiental, e integrados na contorna onde se inxiren.