As contas votáronse no serán do venres e saíron adiante só cos votos do grupo de goberno, mentres que o PP optou por absterse
O Pleno do Concello de Moeche celebrado no serán do pasado venres aprobou un Orzamento municipal que este ano ascenderá a 2.306.465,99 euros tanto nos capítulos de gastos como nos de ingresos. A cifra sobe algo máis de 258.000 euros con respecto ao ano pasado, o que supón un incremento dun 12,62%, debido principalmente a unhas maiores previsións económicas no apartado de investimentos. De feito, no orzamento 2021 recóllese a execución de 16 proxectos cuantificados no seu conxunto en 952.000 euros que se van financiar con transferencias doutras administracións -sobre todo da Deputación da Coruña- nun 86%, mentres que o 14% restante será asumido polo consistorio con recursos propios. Alén de incidir no cadro de obras viarias, saneamentos e outras melloras de infraestruturas, que vén sendo o 41% do total do orzamento, o Concello seguirá destinando recursos ao apartado social e de apoio a familias, colectivos e tecido produtivo nun contexto de crise motivado pola pandemia.
O investimento social do Concello atópase reflectido no apartado de persoal e no das transferencias correntes. No primeiro caso a proposta da alcaldía sometida o venres á consideración do pleno explica que o gasto de persoal se situará en 601.100 euros -un 9,70% máis que o ano pasado e un 29% do total do orzamento-, dado que, entre outros postos, se contemplan dúas prazas temporais para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar, outra de axente de Igualdade e unha terceira para desempeñar labores de administración no departamento de Servizos Sociais, todas elas cubertas con subvencións finalistas da Xunta de Galicia e da Deputación.
Ademais tamén cómpre ter en conta a consignación económica para as contratacións de tres persoas desempregadas a través do Plan de Inserción Laboral da Deputación. Sen saír do ámbito social -nin tampouco do capítulo de persoal- cabe agardar que a partida se vexa incrementada en breve co Aprol Rural promovido pola Xunta de Galicia que, ao igual que o plan provincial, tamén permitirá a contratación de persoas desempregadas para efectuar traballos de conservación e de prevención de incendios no territorio.
A outra pata do investimento social previsto polo Concello para este ano son as denominadas “transferencias correntes” para familias, colectivos e pequenos negocios. A axudas para estudos destinaranse 20.000 euros, outros 10.000 resérvanse para garantir a cobertura das necesidades básicas das familias con menos recursos e 10.000 máis servirán para complementar con arredor de 1.000 euros as solicitudes subvencionadas a través o Plan de rescate da hostalaría da Xunta. Ademais este ano tamén se recuperan as axudas en concorrencia competitiva para os colectivos socioculturais do municipio -6.000 euros- e reeditaranse os convenios nominativos coa ANPA do CEIP San Ramón -2.500€-, coa ACDR Moeche -3.000-, coa Escudería Moeche -2.500- e coa Asociación Irmandiños de Moeche, que percibirá 3.000 euros.
Fóra destas liñas nominativas e de concorrencia, hai que lembrar tamén os 6.000 euros do Fondo de continxencia. Este fondo está pensado para cubrir necesidades imprevistas e inaprazables do propio consistorio e que non dispoñan de reserva económica en ningún capítulo do orzamento. A el tamén se podería acudir no caso de urxencias puntuais de tipo social, xa sexa para complementar apartados onde os recursos non sexan abondos ou habilitando achegas extraordinarias que non estivesen previstas.
Os investimentos medran un 34%
Na relación de capítulos do Orzamento municipal o que máis medra é o dos investimentos en obras e infraestruturas básicas. As contas de 2021 reflicten unha previsión inicial de 952.315 euros, o que significa un 34% máis que en 2020. Parte da consignación económica refírese a obras que xa están executadas pero que se pagarán neste exercicio, como é o caso do centro de transformación alimentaria -subvencionado maioritariamente con fondos europeos e provinciais- ou das bancadas do campo de fútbol.
A maiores destes hai outros 14 proxectos que si son actuacións que se van levar a cabo este ano, referidos a reparacións viarias, acondicionamentos de espazos públicos, melloras en aforro enerxético e ampliacións das redes de abastecemento e saneamento. Grande parte deles financiaranse con cargo aos fondos do Plan Único de Concellos da Deputación.
Aumentan as transferencias doutras administracións
Os Orzamentos municipais teñen dúas partes: dunha banda os gastos e doutra os ingresos cos que se prevén cubrir eses gastos. Polo tanto as cifras deben ser idénticas en ambos apartados, é dicir, se se van gastar 2,3 millóns de euros en investimentos, no funcionamento municipal e en todos os outros servizos que presta o Concello, tamén deben terse previstos outros 2,3 millóns para que, como adoita dicirse, “a peza dea para o tacón”.
Na descrición dos ingresos que aparece no cadro orzamentario para 2021 apréciase unha contención na recadación vía impostos directos e indirectos -no primeiro caso incluso se recadará menos-, de xeito que entre “contribución”, “rodaxe” e IAE se agarda dispor de 317.000 euros e por licenzas de obras hai unha previsión de ingresar 20.000 euros. Por taxas, prezos públicos e outros ingresos -lixo, abastecemento/saneamento…- calcúlase cubrir aproximadamente 226.290 euros. Este último número sobe un 1,21% con respecto ao ano pasado, aínda que non tanto pola suba de cotas tributarias e tarifas, senón polo feito de que, tomando os ingresos reais de 2020, este ano calculouse unha previsión que se axuste máis ao efectivamente recadado.
Onde si se nota unha alza acusada é nas transferencias de capital. Son 822.725 euros -case 225.000 máis que o ano pasado- procedentes doutras administracións en forma de subvencións -Deputación e Xunta principalmente- para afrontar gastos derivados da pandemia e para sufragar a contratación de persoal.
Un orzamento adaptado á actual situación
Tal e como se describe na memoria explicativa do orzamento, o documento aprobado o venres con carácter inicial busca “a eficiencia e
a eficacia na xestión municipal”, aínda que sen perder de vista que neste momento a prioridade é “paliar os efectos que a pandemia está causando no benestar social e económica das familias, traballadores, autónomos e pequenas empresas do municipio”.
O Orzamento municipal de Moeche foi aprobado con cinco votos a favor do BNG, mentres que o PP optou pola abstención. O documento exporase ao público durante 15 días. Entrará en vigor automaticamente ao cabo dese prazo, sempre e cando non se presente ningunha alegación.