Friday 22 de November de 2024

Rey esíxelle á Xunta que exerza as súas competencias e free a deslocalización da industria


A alcaldesa da Coruña acudiu esta tarde á sede de Naturgy para apoiar o persoal do Centro de Operación de Rede (COR), obrigado a se trasladar a Madrid
A alcaldesa, Inés Rey, acudiu esta tarde, á sede de Naturgy, xunto co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o voceiro municipal, José Manuel Lage, para mostraren o seu apoio ás e aos
traballadores do Centro de Operación de Rede (COR), tras o anuncio por parte da compañía da súa recolocación en Madrid, unha decisión que, para Rey, é arbitraria na procura do seu máximo beneficio sen un retorno social ao territorio que lle dá os recursos naturais.
A rexedora instou á Xunta a que marque as actuacións pertinentes co fin de frear a deslocalización destes servizos eléctricos e solidarizouse co persoal afectado, que non quere marchar á capital do Estado xa que, entre outras cuestións, esta novidade empeorará a calidade do subministro que se lle presta ás e aos galegos. Máis alá do tema laboral e das condicións do emprego, Rey fixo fincapé na falta de compromiso de Naturgy con Galicia “porque ademais das dificultades que lles ocasionan ás e aos traballadores, isto suporá unha merma do servizo por parte dunha empresa que recibe cartos da Xunta”.
A alcaldesa esíxelle ao Goberno autonómico que non renuncie a exercer as súas competencias e que free a deslocalización da industria. A rexedora mantivo varias conversas coas persoas representantes da firma para evitar o desmantelamento do sector que se está producindo e lembrou a declaración institucional, que se aprobou no pleno en prol da defensa do centro, da empresa e a industria, e para que a administración autonómica non se poña de perfil ante este problema.
A alcaldesa recordou que desde que os fondos de investimento se fixeron cargo da empresa, o tempo e o diñeiro dedicados ao mantemento e operacións se reduciron de forma considerable.
Pola súa parte, o presidente da Deputación sinalou que a visita desta tarde foi de rexeitamento a unha forma de actuaren dalgunhas empresas que ven Galicia como un territorio para explotaren os recursos naturais sen se implicaren socialmente con ela “a diferenza doutros territorios do Estado ou países como Francia e Alemaña, onde están acreditadas para facelo a cambio de plans sociais”. Neste caso, González Formoso engadiu que en Naturgy non se sabe quen é a/o propietaria/o actual, “nesa forma de capitalismo tan salvaxe”, mais o seu compromiso con Galicia non existe e “pretende retirar o centro de control, que é unha fórmula que vincula a empresa con Galicia, unha mostra máis da súa desvinculación co seu xerme e a súa fonte de recursos”, indicou.