Saturday 16 de November de 2024

A Xunta de Goberno Local aproba a apertura do procedemento de adxudicación da rehabilitación do palacete da Finca do Espiño


A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe, entre outros asuntos, a apertura do procedemento de adxudicación, mediante procedemento aberto simplicado, do expediente denominado “Execución das obras de rehabilitación do palacete da Finca do Espiño para equipamento municipal cultural e administrativo”, incluido na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). O tipo de licitación establécese en 1.463.686 euros, e contaría cun período de execución de 12 meses.

O proxecto ten por obxectivo a rehabilitación do Palacete do Espiño, construído na segunda década do S. XX (1.910-1.915), segundo proxecto de López de Rego na coñecida como Leira do Espiño. Contempla a recuperación do catro amplas estancias principais, con dúas plantas conectadas a través dunha escaleira e un ascensor; así como a recuperación da antiga capela, situada ao fondo da edificación, con acceso directo desde o exterior. Así mesmo proxéctase a recuperación da antiga torre do edificio situada na fachada principal.

Desde o punto de vista construtivo, o proxecto contempla a reconstrución dos antigos muros interiores do edificio, que desapareceron nos últimos anos, para así poder atar e consolidar os restos de muros en pé da construción orixinal.

Formalmente conservarase a envolvente orixinal da maior parte das fachadas e os novos muros interiores, que substitúen ás fábricas orixinais que desapareceron, distinguiranse formalmente ao exterior dos muros orixinais, cun acabado de madeira tratada, seguindo as directrices da Lei 8/1995 de 30 de outubro do Patrimonio Cultural de Galicia.

En concreto, actuarase sobre unha superficie de 1.131,6 metros cadrados, cunha superficie útil de 732,25 metros cadrados.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o gasto correspondente á apertura do procedemento de adxudicación, mediante procedemento aberto, do expediente da dirección de obras da rehabilitación do Palacete do Espiño por un importe, IVE incluído, de 102.794,36 euros.

Outra obra importante aprobada hoxe polo executivo municipal foi o proxecto técnico de “Rexeneración asfáltica en varios puntos da cidade de Santiago de Compostela”, cun orzamento máximo de licitación de 829.691,98 euros. Divídese en dous lotes, que se executarán de xeito simultáneo, cun prazo de execución de cada un deles de 4 meses.

O lote I contempla actuacións nos seguintes viais: Rúa da Agriña de Amio, Rúa da Cima da Eira, Rúa das Barreiras, Rúa de Picaños, Rúa Agra da Garrida, Yáñez, Rúa do Lindeiro, Rúa dos Porróns, Rúa da Ponte do Sar, Rúa do Cruceiro do Sar, e Rúa de Betanzos. O importe total da actuación ascende a 399.691,98 euros, IVA incluído.

En canto ao lote dous, prevé actuar en: Rúa de Bermejo, Rúa de Suarribas, Rúa de Eslovenia, Rúa de Polonia, Rúa de Amio, Rúa da Campiña, Rúa do Bidueiro, Rúa da Granxa do Castiñeiriño, Rúa de Torrente e Rúa da Ponte da Rocha. O importe total da actuación ascende a 430.000 euros, IVA incluído.

Contrato de recollida de lixo e limpeza viaria
A Xunta de Goberno Loca tamén aprobou a apertura do procedemento de adxudicación, mediante procedemento aberto, do expediente denominado “Servizo de recollida de lixos e limpeza viaria do Concello de Santiago de Compostela. LOTE I e LOTE II”, por un período de dez anos. Establécese un tipo de licitación de 99.447.383,2 euros para o lote I (IVE incluido), que inclúe o sevizo de xestión de residuos e de limpeza viaria; e de e de 4.586.521,5 (IVE incluído) para o lote II, tamén de xestión de residuos.

Expedientes de crédito
Na reunión do goberno local tamén se aprobaron dous expedientes de crédito extraordinario. O primeiro, por importe de 1.554.000 euros, para a concesión de axudas no ámbito do comercio e para a execución, polo Concello, de actividades de promoción da actividade comercial. O financiamento deste modificativo de crédito farase, por unha banda, con remanente líquido de tesourería, por importe de 1.154.000 euros para gastos xerais do concello 2020 e, pola outra, con baixas por anulación do orzamento, por un importe de 400.000 euros.

O segundo, outro expediente de suplemento de crédito por un importe total de 1.304.000 euros, para a concesión de axudas para o consumo no comercio e na hostalería local (600.000 euros) e axudas aos establecementos da hostalería local para o financiamento dos seus gastos correntes (1.004.000euros); que se financiará con remanente líquido de tesourería para gastos xerais do concello do exercicio 2020.

Por outra banda, o executivo municipal tamén acordou ceder gratuitamente á Comunidade Autónoma de Galicia a propiedade da parcela AS-19, do polígono 6-7 do Plan Parcial de Fontiñas, destinada a albergar un equipamento dotacional de titularidade pública, concretamente o Imelga. Ten forma trapeizoidal e unha superficie de 1.990 metros cadrados.