Friday 22 de November de 2024

Ángel Rodríguez renuncia ao cargo de concelleiro da corporación local de Padrón


O responsable de Saúde Pública, Festexos, Tráfico, Persoal, Emerxencias e Deportes agradece á veciñanza o apoio demostrado nestes anos de traballo no Concello
Ángel Rodríguez Conde, concelleiro do grupo municipal do Partido Popular do Concello de Padrón tras ser elixido nas eleccións locais do 26 de maio do 2019, renuncia ao seu cargo municipal por cuestións profesionais. Nesta mañá presentou ante o rexistro municipal o documento de renuncia ao seu cargo como concelleiro de Saúde Pública, Deportes, Protección Civil e Emerxencias, Tráfico, Persoal e Festexos. No escrito explica que, no marco da súa actividade laboral como Xefe de Brigada dos Bombeiros Forestais, recentemente xurdiulle unha nova oportunidade laboral.
O novo posto ao que vén de incorporarse esixe unha maior dedicación e o traslado a unha nova localidade, polo que considera que xa non dispón do tempo suficiente para compaxinar o seu traballo profesional coa súa labor como concelleiro. “Para min ser concelleiro require moito tempo para poder atender as demandas da veciñanza, para estar sempre atento as necesidades que xorden no municipio e para contribuír realmente a mellorar a vida dos padroneses e padronesas, polo que realmente considero que na miña situación actual é incompatible”.
Ángel Rodríguez expresou o seu fondo agradecemento a todos e cada un dos cidadáns de Padrón que o apoiaron ao longo destes anos, así como ao rexedor padronés “pola confianza depositada en min”, ao igual que a todos os compañeiros e compañeiras do equipo de goberno, ao resto da corporación e ao persoal traballador do Concello. “Foi un verdadeiro orgullo para min poder traballar como concelleiro nesta corporación para poder servir á veciñanza e mellorar os servizos da nosa localidade”, destacou.
Pola súa banda, Antonio Fernández Angueira agradece “a implicación e dedicación de Ángel Rodríguez como concelleiro ao longo destes anos” e deséxalle “grandes éxitos nesta nova aventura profesional que comeza”.