Saturday 16 de November de 2024

Alumnado do CPI Cernadas de Castro asiste a unha xornada para abordar a prevención á adicción ao xogo en adolescentes


A concelleira de Servizos Sociais destacou a “implicación do Executivo na erradicación deste tipo de conductas”

Un total de 40 estudantes de terceiro e cuarto curso da ESO do CPI Cernadas de Castro participaron nunha xornada do programa preventivo sobre a adicción ao xogo entre adolescentes. Segundo os expertos, a adicción ao xogo e a outras conductas vinculadas ao uso das redes sociais e das novas tecnoloxías da información están aumentando entre a mocidade a idades cada vez máis temperás. O proxecto desenvolto nas aulas do centro lousamiá enmarcase no Plan de Acción Social de Servizos Sociais e foi impulsado pola Deputación Provincial da Coruña, que colabora con entidades de iniciativa social que traballan neste eido.

A entidade AGALURE (Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados), referente na provincia da Coruña no tratamento e prevención da ludopatía e parte da Federación Española de Xogadores de Azar Rehabilitados, encargouse dos traballos de xestión, coordinación, difusión e avaliación deste programa preventivo. Os obradoiros estaban dirixidos a poboación de entre 12 e 18 anos, neste caso 29 de alumnos e alumnas de 3º da ESO e 11 de 4º curso.

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, agradeceu a “oportunidade de desenvolver este programa entre os adolescentes do noso concello. As conductas de adicción ao xogo, ás apostas e o mal uso das novas tecnoloxías por parte dos máis xoves é unha preocupación que compartimos todos e todas, polo que a nosa implicación coa súa erradicación é absoluta”.