A Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal e FSC Inserta organizan tres accións formativas dirixidas a persoas con discapacidade.
A primeira delas consistirá nun obradoiro de comunicación que se impartirá do día 18 ao 21 de maio e constará dun total de 20 horas lectivas. O taller de traballo en equipo transcorrerá do día 24 ao 27 de maio, tamén formado por 20 horas lectivas. E, finalmente, do día 31 de maio ao 2 de xuño terá lugar o de orientación para o logro, de 15 horas lectivas.
Tal e como expuxo a concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), o contido destas propostas “vai moi orientado á inserción laboral e ás habilidades, tanto sociais coma laborais, para que se produza esa inserción de maneira óptima”, facendo fincapé no papel que xoga a formación. Tamén apuntou que se valorará, en función da demanda, repetir nun futuro. Pola súa parte, a orientadora laboral do Concello, Blanca Álvarez, destacou que se trata “dunha aposta real pola inserción sociolaboral das persoas con discapacidade.”
As clases impartiranse no Auditorio do Museo Valle-Inclán. O prazo para se anotar permanecerá aberto dende o día 20 ata 26 de abril, ambos inclusive. A matrícula pódese formalizar a través do rexistro xeral do Concello ou da súa sede electrónica. Será preciso cubri-la solicitude que estará á disposición nestas vías, ademais de achega-lo DNI, a tarxeta do desemprego, a resolución da incapacidade permanente total por profesión habitual (de se-lo caso) e o certificado de discapacidade (de se-lo caso). As persoas aspirantes deberán acredita-la súa condición de persoa con discapacidade cunha certificación dos órganos competentes da Consellaría da Política Social e, de se-lo caso, da Administración correspondente, na cal se acredite o seu grao de discapacidade igual ou superior a un 33%.
Cada curso conta con 15 prazas e as persoas interesadas pódense inscribir naqueles que así o desexaren. Contan co cofinanciamento da Fundación ONCE e do Fondo Social Europeo.
Cómpre lembrar que o desenvolvemento destas actividades queda supeditado á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19. Para máis información poden contactar co Servizo de Orientación Laboral a través do teléfono de contacto 981377610.