O delegado da Xunta informou que este programa conta cun orzamento dun millón de euros e prevé apoiar 300 intervencións
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López, visitou esta mañá o concello para animar aos veciños da Costa da Morte a solicitar unha nova orde de axudas que a Xunta convoca, por primeira vez, para emendar e corrixir máis de 300 impactos paisaxísticos nos concellos galegos, á que destina 1 millón de euros.
Trenor incidiu que esta orde recolle incentivos para que os cidadáns leven a cabo pequenas intervencións nas vivendas e inmobles da súa propiedade, co obxectivo de mellorar visualmente a edificación e evitar un punto de impacto na contorna na que se asentan.
O delegado da Xunta recalcou que “ata o 31 de maio, os particulares ou comunidades que desexen acollerse a esta liña de axudas poden presentar a súa solicitude, que cubrirá o 70% do importe global da proxecto de mellora paisaxística, que poderá incluír unha ou varias actuacións, e que, en todo caso, non superará os 3.000 euros por solicitude”.
Aos interesados só se lles porá unha condición: a actuación deberá adaptarse aos criterios que fixan a Guía de cores e materiais de Galicia e a Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística.
Así, aquelas persoas que desexen cambiar un tellado ou mellorar o aspecto da medianeira do seu edificio poden pedir axuda para o tratamento da mesma; no caso de que unha persoa teña a fachada da súa vivenda con ladrillo á vista tamén pode solicitar unha subvención para revistar e pintar a fachada, así como para cambiar a tonalidade da pintura e renovar o exterior, seguindo a solución que a Guía de cor propón para a súa contorna.
Trenor aclarou que outras actuacións que tamén son obxecto desta subvención son o acondicionamento e mellora de peches de fincas de gran dimensión, mediante a substitución de muros opacos por cachotería tradicional ou sebes vexetais; ou revestimento de muros de cerramento realizados con bloques de formigón.
Esta nova orde busca o esforzo e a implicación de todos para incrementar o valor patrimonial dos inmobles e da paisaxe de Galicia. Nese sentido, Trenor animou aos veciños da Costa da Morte e de toda Galicia a levar a cabo este tipo de intervencións, axudándolles a asumir o custe que implica, e para o que deberá seguir unha tramitación fácil e simple, posto que só deberán presentar unha pequena memoria explicativa da actuación, unha reportaxe fotográfica, a factura da actuación e a xustificación do pago.
Así mesmo, o representante do Goberno autonómico tamén incidiu na importancia da colaboración dos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns, axilizando as xestións e trámites que son da súa competencia, como as autorizacións de carácter municipal que sexan necesarias para o desenvolvemento deste tipo de actuacións. Ademais, recalcou a necesidade do seu apoio para divulgar a información relativa a esta convocatoria de axudas entre os posibles beneficiarios.