Hoxe celebrouse unha reunión técnica, na que o Estado lle trasladou ao Goberno galego que non vai retirar a presentación do recurso de inconstitucionalidade contra a norma nin levantar a súa suspensiónA Xunta e o Goberno central acordaron iniciar hoxe os trámites para convocar a comisión bilateral de cooperación na que se clarificarán as discrepancias xurdidas sobre e Lei de Saúde de Galicia. Así se abordou hoxe nunha reunión técnica, na que o Estado lle trasladou ao Goberno galego, que continúa adiante coa presentación ao Tribunal Constitucional do recurso de inconstitucionalidade contra a norma e tamén descarta levantar a súa suspensión.
A Xunta lamenta e non comparte esta decisión do Goberno central sen que se leve a cabo unha negociación previa no marco da comisión bilateral e considera que se produce así un trato discriminatorio fronte a outras comunidades que regularon cuestións que recolle a Lei de Saúde de Galicia cunha norma con rango de lei. De todas formas, a Administración autonómica mantén a vontade de debater e avanzar neste tema.
O Goberno galego confía en chegar a un acordo e defende a necesidade dunha norma coma esta que ofreza un marco legal para loitar contra a pandemia e que o Goberno central non garante tralo levantamento do estado de alarma previsto para o 9 de maio. Así, a Lei de Saúde de Galicia elaborouse dacordo aos criterios dos técnicos xurídicos da Xunta e dos marcos constitucionais, co obxectivo de actuar con garantías na crise sanitaria.
Nesta liña, o Consello do Estado indicaba nun informe a necesidade de que o Estado elaborase unha lei orgánica que atendera as necesidades da xestión da pandemia. Ademais, o documento avala a constitucionalidade de cinco dos seis apartados da lei galega.u