Saturday 16 de November de 2024

A Xunta destaca a importancia da coordinación dos efectivos de Emerxencias na loita contra os lumes


O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, reuníronse cos delegados territoriais da Xunta para poñer en común os recursos dispoñibles para a intervención ante os incendios forestais
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañou hoxe aos delegados territoriais da Xunta na súa visita ás instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia. Ademais, xunto co director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, mantiveron unha reunión cos responsables das delegacións territoriais da Xunta para avanzar na coordinación dos efectivos de emerxencias na loita contra os lumes forestais, en base ao Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) e ao Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais en Galicia (Peifoga).
O director xeral de Emerxencias e Interior incidiu na importancia de ofrecer unha resposta áxil e eficaz ante calquera incidencia, e en particular na loita contra os lumes forestais. Por iso, incidiu na importancia das actuacións previas de coordinación, organización e xestión de emerxencias, como este encontro, para poder ofrecer a resposta adecuada cando se requira a mobilización de recursos ante unha intervención.
O obxectivo do encontro foi poñer en común a relación de medios e recursos dispoñibles para a intervención ante os incendios forestais e arbitrar os mecanismos oportunos para seguir avanzando na coordinación entre todos eles. Así, e a través do Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, mobilízanse parques de bombeiros, Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), servizos municipais e asociacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros.
A Xunta colabora coas entidades locais na dotación de equipamento a estes servizos municipais de emerxencias, tanto na dotación de equipamento cun investimento de máis de 15,3 millóns de euros nos últimos anos, como na súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) ou no funcionamento dos GES. A AXEGA conta con un camión e dúas furgonetas coa tecnoloxía e os medios necesarios para constituír un posto de mando avanzando e con tres cisternas nodrizas con capacidade de 25.000 litros.
Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, destacou a importancia de reforzar a coordinación na loita contra os incendios forestais, en especial no que atinxe á ocorrencia de lumes de Situación 2. Esta situación operativa decrétase cando pode existir risco para núcleos de poboación e corresponde aos delegados territoriais a súa declaración, en función das condicións e da evolución de cada lume.
O director xeral salientou tamén o elevado nivel de profesionalidade e eficacia que demostra día a día o Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif) de Galicia e as constantes melloras que se están a implementar tanto desde o punto de vista do persoal como do material, para intensificar aínda máis ese rendemento. Neste sentido, puxo en valor medidas como a renovación do parque de maquinaria, a dotación de equipamento para os profesionais, a mellora das bases aéreas ou o reforzo da formación do persoal, como algúns dos procesos que redundan nesa mesma finalidade.