Identificáronse 129 persoas nas labores de vixilancia que se realizaron en 37 concellos galegos e que se saldaron con 41 denuncias
Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo na fin de semana un total de 96 dispositivos en 37 concellos galegos nos que foron tramitadas 41 denuncias. Os controis realizáronse no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19, e saldáronse con 129 persoas identificadas.
Entre o 16 e o 18 de abril, os axentes realizaron na provincia da Coruña 35 dispositivos nos concellos de Ames, Arzúa, Boiro, Boqueixón, A Coruña, Lousame, Melide, Oroso, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Santiago de Compostela, Teo e Vedra, cun total de 20 denuncias e 25 identificacións.
Na provincia de Lugo tramitáronse 2 denuncias e identificouse a 25 persoas en 11 dispositivos levados a cabo nos concellos de O Corgo, Lugo, Monforte de Lemos, A Pastoriza e Vilalba.
En canto aos controis levados a cabo pola Policía Autonómica na provincia de Ourense, realizáronse 15 dispositivos nos concellos de Bande, Barbadás, Celanova, Ourense, Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas, nos que se tramitaron 4 denuncias e identificouse a 4 persoas.
E na provincia de Pontevedra, nos 35 dispositivos realizados en Barro, Catoira, Covelo, Marín, Meaño, Meis, Poio, Pontevedra, Portas, Redondela, Valga, Vigo e Vilaboa rexistráronse 15 denuncias e identificouse a 75 persoas.
Más da metade das denuncias (24) foron por circular sen máscara, pero tamén se tramitaron tres por fumar sen gardar a distancia de seguridade, cinco por non respectar o toque de recollida, seis por non presentar o local a pertinente licenza de restauración, dúas por non ter rexistro de clientes e unha por exceso de ocupación.
Estes dispositivos encádranse no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.